Onte xoves fun ver esa obra mestra de Tarkovsky: Solaris (en ruso, Solyaris). O filme, a pesares da súa longa duración e de ter un descanso polo medio por se alguén quería facer pis, pareceume impresionente e mesmo me pasou voando. Os meus acompañantes, fer e ifrit, tamén gustaron do filme, aínda que non se amosaron tan entusiasmados coma min.
Non vou contar ningún spoiler, pero o certo é que ese ritmo pausado, ese lirismo e mesmo ese retrofuturo tan dos anos setenta (que en Rusia se estenderon, no estético, até os 90) parecéronme marabillosos. Non importa que non houbera orzamento para efectos especiais hollywoodenses, nin que houbera elipses para saltar as partes visualmente máis conflitivas, nin que nalgunhas secuencias tiveran que botar man da película en branco e negro. E tampouco importa que haxa incorreccións científicas (como fer comprendeu, efectivamente). Hai que facer máis filmes así. Canto ben fixo a Unión Soviética!
No post-cinema, que moita xente escoxadora quere saber o que pasou, non houbo moito que contar. Fer marchou reclamado por obrigas conxugais ou algo así (non me fagan moito caso) e ifrit, despois de cear o típico bocadillo de luras do Bar Coruña comigo, tiña tamén unha cita (supoño que de carácter erásmico). Para cando a próxima? Esta noite seica ía haber outra chuza-quedada-cinematográfica no CGAC. Xa nos contarán.
Ifrit conta marabillosamente de que vai o filme. E fer dános a explicación científico-divulgativa.