Amish night

Estreando o meu novo look amish –Ghanito dixit-, acudín o venres á noite á festa E-Music, dese fantástico programa que conduce maxistralmente Sak e que se celebrou por todo o alto no pub 14 de Monte Ídem. Ao final, só fomos tres persoas dende DC: Aluguer, que levaba o carro, Ictios e mais eu. Estes dous últimos estivemos a falar un bo anaco sobre temas endopodcasteiros mentres agardabamos por Aluguer, que logo se verían confirmados na Coruña, onde tivo lugar a meirande concentración de podcasteiros por metro cadrado.

A viaxe

Despois de deixar o vehículo no Parrote, nun aparcadoiro con guía euskaldún, dirixímonos até o punto de encontro, La Mediterránea [Mediterrania, corrixe Pawley], na rúa Tui, e eu comprobei, con horror, que era o que tiña máis dominio do rueiro coruñés. Pero o noso senso da orientación non fallou e acabamos chegando ao lugar de encontro, máis ou menos. O feito de atoparmos a Sak e compañía ceando nun local hostaleiro foi a proba definitiva de que iamos polo bo camiño.

Axiña atopamos o pub 14, aínda que unha hora antes do comezo da festa en cuestión. E como non tiñamos moita idea de por onde quedaba a Mediterránea esa, chamei a Ascárida, para ver se nos podía guiar. A resposta non foi moi esperanzadora: o local ese levaba bastante tempo pechado. Así que ela e mais Ghanito apareceron uns minutos despois e, por diversos motivos, acabamos nunha kebabaría con simpática camareira de sorriso contaxioso. Na rúa San José [San Juan, corrixe Mourullo], se queren máis pistas.

A cea

Mentres ceabamos e falabamos de temas endogámicos, endolaborais e endochuceiros, decateime -con axuda, claro- de que eu era o único que tiña o número de Nemtele, con quen quedaramos no restaurante chapado e contrachapado, pero, por desgraza, non contestou á miña chamada e non o vimos en toda a noite. Unha aperta para el (empezo a parecer Patricia Conde).

A festa

Despois foi o momento da festa propiamente dita. Atopamos alí moitísima xente coñecida -algunha non de vista-. Besbellinha, Maríademallou -a quen xa coñecía pero ela a min non-, Gustavo Harvey -el coñecíame a min pola foto do last.fm, non sei por que-, Calidonia -estreando look barbudo-, Gelical -ouvinte do meu podcast e, dende agora, eu tamén do seu-, e tamén Lourixe -por quen eu fun posuído en certa ocasión- e Maceirax, a quen só coñecía polo seu nick de Chuza! e pouco máis.

Tamén apareceu por alí Vincent Jalo, que repartiu crachas de Sonotone a esgalla, e todo o mundo fixo uso da miña cámara de fotos, que eu levara para facer de fotógrafo pero que ao final pouco empreguei. Nin sequera fomos á perrucaría Maribel. Xa haberá tempo noutra ocasión. E, por suposto, gozamos -uns máis e outros menos- da música do Colectivo Oruga, ao que lle haberá que seguir a pista (sempre digo o mesmo). Eu xa son superfans.

Fin de festa

Despois, algúns (Aluguer, Calidonia, Ghanito, Ascárida, Ictios e mais eu) marchamos cara ao Patachim, situado non demasiado lonxe de alí, e coincidimos novamente con Vincent Jalo e compañía, que tiña unha noite un tanto casamenteira aínda que quizais sen moita puntaría -mellor non digo máis-. E despois de moito tequila e baile e música e todo iso -porque estaba o picadiscos que sempre nos fai caso-, fomos para a casiña porque temos o mal costume de pasar tres horas en cada sitio e, claro, así non se pode ver moita variedade de locais. Botamos en falta a Snob (un saúdo para el), que non quixera vir, e tamén a Mourullo, que quizais estaba un pouco canso de ter saído tamén o xoves (outro saúdo máis). Sugar Kane, de viaxe por Europa, tampouco estivo (un saúdo para el e moitas grazas pola postal de Praga).

E poño esta foto de Abraham Lincoln aínda que non saiba moi ben por que:

Publicada o
Categorizado como Endogamia

8 comentarios

  1. Encantado de saudarte, Modesto, aínda que non tivéramos tempo para charlar por porme a arraxar o mundo con Calidonia e polo momento endolocalista con María de Mallou. Doutra volta será. Que saibas que ademais de chuceiro son seguidor ocasional do teu podcast, ale, xa sabes algo máis de min.
    E non poñas a páxina do BNG de Carnota coma se fose o meu blog personal, tampouco hai que pasarse 😉
    En todo caso, cabaseira.blogspot.com, é o único no que participo polo momento.
    Un saúdo!

Deixar unha respostaCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.