Autor: Modesto

  • SI, NO, ou en branco

    Eu optei pola terceira vía, porque era a única opción que non pedían en ningún cartaz, espazo gratuíto de propaganda electoral nin cuña radiofónica.
    Tamén sería bo distinguir entre “si no” e “sino”, como non fixo un redactor da sección de Economía da Voz. Pódese ver en dúas páxinas consecutivas da edición impresa ou a escasos píxeles de distancia na versión dixital.

    Se alguén non entende a incorrección -isto vai para os adictos ás SMS-, que saiba que en lingua castelá as palabras aí resaltadas teríanse que escribir xuntas. Miguel de Cervantes Saavedra e Fernando Lázaro Carreter poderíanse erguer das súas tumbas…

  • Don Manuel, enfadado con Aznar

    E logo, Josemari non ten correo electrónico?

  • Denejasión de desibelios

    O Comandante Desibelios volve facer das súas. Desta volta, presentou máis denuncias contra os locais da movida de Ribeira, como todas as fins de semana, e pide que non se lle concedan licenzas aos que as solicitan. Ata aquí, todo correcto ou, polo menos, previsible.
    O inexplicable é esta non-nova -na que non se di nada noticiable- aparecida onte na Voz. Faltaban un par de módulos por encher a última hora?

  • Están de acordo en algo

    Dous parlamentarios da comarca do Barbanza de partidos diferentes pero cunha idea en común: o si á constitución europea. Pero non esquezamos que estamos na xornada de reflexión e que non se pode pedir o voto. De todos os xeitos, aí á dereita seguen activas as ligazóns que levan ao texto que se pretende referendar.

    Si. Son José Manuel Lage Tuñas (PSdeG-PSOE, Outes) e Manuel Ruíz Rivas (PP, Ribeira). As imaxes saqueinas do programa A estornela, de CanalTambre TV, que presenta Veiras Manteiga.

  • O código Lewinsky

    O coñecido best-seller de Alan Smithee é a nova recomendación literaria de ModestoWeb. Non está á venda en quioscos nin librarías. É unha oferta especial exclusiva para os ouvintes desta emisora de radio. As cincuenta primeiras chamadas recibirán como agasallo unha luva de cociña musical coa melodía de Arrastraches o cu polas pallas, de Ana Kiro.