Autor: Modesto

  • Outra vez con rede

    Volvo ter rede dende Debian, pero esta vez de volta ao kernel 2.6.18-3. Sigo sen atoparlle explicación ao feito de que no 2.6.18-4 sexa absolutamente imposíbel cambiarlle o enderezo MAC á tarxeta de rede sen fíos a través do módulo ndiswrapper. E, cando busco no Google, sáeme isto. Haberá que agardar a unha nova versión e probar de novo.

    Ah, o problemiña que tiña á hora de reinstalar ndiswrapper era que estaba a empregar un arquivo .inf incorrecto.

  • A presentación / A apresentaçom / A apresentação

    Libro dedicado

    Xa non só Pawley ten unha dedicatoria de Carlos G. Meixide sobre un exemplar do seu O home inédito. Eu tamén, porque fun onte á impresionante presentación do libro en Humidtown, no pub A Medusa, onde vivín unha sucesión de déjà-vus e de coincidencias sobre as que Íker Jiménez podería facer unha serie de 13 episodios, polo menos.

    Vaiamos por partes: Snob e mais eu quedamos para ir á presentación, que en teoría comezaba a iso das sete. Fomos por alí cando xa eran as oito, pero como aínda non había demasiado ambiente, decidimos ir por aí tomar algo. Unha pinta nas Crechas, onde fomos gravados -moito me temo- por cámaras de Localia e compartimos barra con alguén da RG.

    Ao saír, chegamos a dubidar de acudir a unha cea vegana na Casa Encantada que viña anunciada no taboleiro, pero ao final pasamos, porque xusto nese momento nos atopamos con Berto. Fomos con el até Bierzo Enxebre, onde tamén estaban, entre outras, Orsinia e BR, que viña de conducir un entretidísimo acto (nota para os lingüistas: aquí a construción vir de é correcta, porque é literal).

    A cousa en si mesma

    E fomos ao lugar dos feitos, que xa estaba petadísimo pouco despois das nove. Alí atopeime coa maior concentración de Yáñeces por metro cadrado e a maior concentración de ex-profesores, ex-compañeiros, ex-estudantes de Xornalismo, actuais estudantes de Xornalismo, ex-compañeiros de traballo, actores e algunha xente que non coñecía, que sería como o 10% do total ou así. Endogamia?

    Como dicir os nomes de todos me sería imposíbel, porque sempre esquecería alguén, vou lembrar un por un e por orde alfabética todos os concellos de Galiza. Ai, non, que iso foi o que fixo Meixide! Pero tivo un pequeno esquecemento do que logo falarei. Diversos amigos do escritor foron subindo á cadeira e falando, cada un ao seu xeito, da novela, cuxo formato permite agachala na manga para roubala do Cortinglés, pero sempre dun xeito ameno e, sobre todo, escarallante. Puntos de vista isolos e reintegratas, naturalmente, porque o Omnipresente estaba -tiña que estar- alí tamén. E non, non vou falar de cortes de pelo nocturnos.

    Cando chegou a quenda de preguntas non pactadas -porque pactadas tamén as houbo-, aproveitei para pedirlle a Carlos G. que me resolvese unha grave dúbida: por que esquecera nomear o concello de Porto do Son? A resposta foi rápida e concreta -e non estaba pactada, xúroo por Rick Astley-: “Porque non estou de acordo co seu plan urbanístico… E iso que son socialistas”.

    Por suposto, como se pode comprobar na imaxe que abre esta entrada, adquirín o imprescindíbel libro, que xa tiña en PDF, e conseguín a cervexa de regalo que viña incluída. Despois dun anaco alí, e de falar con xente coa que había moito tempo que non falara, e de ver tamén alí algunha xente destas cousas da informática, marchamos cear churrasco de porco -estraño antollo que tiña Snob. Cando iamos polo Preguntoiro, non me pregunten -que xenial xogo de palabras- por que, lembreime de Marcus e… alí apareceu, de repente. Para a próxima, pensarei en Scarlett Johansson, prométoo. Contoume algúns segredos relacionados coa frecuencia de actualización do seu blog, que non vou revelar por segredo profesional.

    Despois de percorrer boa parte de Compostela dialogando en inglés, chegamos á Parrillada 9 de julio, enfronte do TNT, para máis datos, onde ceamos abondosamente. Pero, como eu non son blogogastrónomo, non vou incidir nesta parte da historia, para que non me chucen irrelevante. Agora, a ver se mañá lles fago unha visita aos frikis imberbes.

  • Dende Windows

    Estou a publicar dende Windows. Non é que lle pasara nada malo á Debian inestábel, grazas, pero é que estiven a fedellar cos drivers da tarxeta de rede sen fíos e agora mesmo non consigo que funcione. Só lle podía cambiar o enderezo MAC no kernel 2.6.18-3, pero queríame cambiar definitivamente ao 2.6.18-4, así que compilei o driver da Broadcom a través de ndiswrapper, pero non daba resultado: tampouco lle podía cambiar o MAC. Logo probei a instalar o driver bc43xx, pero dáme erros e non consegue potencia de emisión suficiente… En fin, que a cousa non hei de tardar moito en amañala, pero agora mesmo non é o momento.

  • Ciao, Italia!

    Cando un se pon a revisar os referrers -marabilloso xeito de encher o blogue cando non hai material-, ás veces atópase con cousas curiosas. A imaxe de Terry Ó Quinn que puxera aquí hai case un ano, non sei como, foi localizada por un fan italiano de Lost e publicouna neste foro. Ma non credo che sia un grande spoiler.