Autor: Modesto

  • 30

    Aínda que xa pasaron uns días, estou obrigado a contar todo o que pasou o xoves e o venres. Velaí vai:

    Cambiar de prefixo non é tan grave como pensaba. Afaste axiña. Ademais, tampouco se pode dicir que tivera moito tempo para pensar no aumento da idade. O día foi bastante intenso, cunha xornada laboral comprimida á mañá (exactamente igual ca o día seguinte) e repetición da xogada no CMG pola tarde, xusto despois da papanza-aniversario con todos os compañeiros de choio. Non hai gravación da conferencia, así que, por moito que se busque, non vai aparecer por ningures.

    Despois, houbo mini-xuntanza podcasteira, con Sak, Homedareia e un servidor, xusto antes da hora da cea do programa Extrarradio. Case non houbo ausencias, pero si reencontros e tamén despedidas. Falouse de moitísimas cousas, entre elas o marabilloso que é o programa Pequeno gran show. A esa espectacular cea no 16 seguiulle un half night long no que cheguei á conclusión de que os locais de Humidtown están invadidos por xente da radio autonómica. Ademais, coñecín media Laurindinha.

    O día seguinte non resultou demasiado complicado, a pesar de ter durmido apenas catro horas, e culminou cun xantar de empresa non menos espectacular ca a cea da noite anterior, pero, neste caso, con agasallo do amigo invisíbel incluído. Houbo de todo, regalos impresionantes. Eu estou moi contento coa axenda tuneada personalizada que me deron. A que mola?

  • PodPailán

    Comezamos coas novidades. As próximas Chuzanews publicaranse aquí:

  • From A Coruña with Megaloves

    Mentres algúns gozaban dun concerto en Compostela, outros decidimos aproveitar a véspera de festivo para saír na Coruña. Fun no tren dende a capital autonómica ata a capital provincial cos Megaloves, ese grupo emerxente, e The Two Halfs, para atoparnos con Ascárida e Ghanito. Aínda que puidermos ter sido máis, o certo é que non chegamos a contactar con ningún outro integrante da comunidade endogámica residente en Pacoland, aínda que, por suposto, os botamos a faltar. Na cidade uníusenos a irmá de Vil Megalove e, máis tarde, tamén o mozo dela.

    Aínda que de seguro Ghanito dará máis detalles sobre a cea, o máis salientable do moito que habería que salientar dela é que compartimos local con certa poeta galega moi coñecida, á que ninguén se atreveu, ao final, a pedirlle un autógrafo.

    Por sorte, non choveu demasiado -ou, polo menos, non nos coincidiu pola rúa-, así que puidemos percorrer os antros habituais con calma, practicando o recomendábel deporte de percorrer a cidade de punta a punta a pé, para que luego digan que la juventud no es sana.