Sempre á última, este blog vai introducindo cambios para poñerse ao día e sumarse ás pasaxeiras modas da internet. Agora, eliminei todas as referencias a Twitter, Flickr, 23, Last.fm… da parte dereita e paseinas á pestana Actividade, onde se pode seguir minuto a minuto (máis ben, cuarto de hora a cuarto de hora) todo o que fago, penso, vexo, escoito… Súper 2.0 (ou 3.0). E todo grazas ao plugin LifeStream.
Categoría: Endogamia
-
Día 3 (5 de agosto)
Atlantic City é un filme de Louis Malle. Atlantic City é tamén unha cidade da costa de New Jersey (ou Niuchese), chea de casinos, polo que lle chaman a Las Vegas da Costa Leste. E Atlantic City non forma parte dos típicos itinerarios turísticos de Nova York.
A verdade é que Atlantic City ten de todo: un paseo marítimo ao estilo dos que moitos concellos costeiros galegos fixeron despilfarrando fondos europeos, pero con máis glamour, praia ao ladiño e… moitísimos casinos, como xa dixen, divididos en temáticas: o casino ao estilo romano, ao estilo as mil e unha noites, ao estilo far west… Cando menos polo día están cheos de xubilados que peregrinan a Atlantic City a gastaren as pensións. As camareiras son máis novas, duns 50 anos aproximadamente.
Por certo, que, accidentalmente, unha camareira que pasaba ao meu pé deixou caer a bandexa e as bebidas que levaba nela… “You tricked me”, dixo. Pero eu non fun (ou si?). Despois xantamos nunha zona buffet, tamén chea de rapaces de ouro, cunha gran variedade de comidas e de sobremesas -tamén sen azucre, evidentemente.
Os casinos tamén teñen unha función social, con consellos para evitar a ludopatía, como este
folletotríptico, Knowing When to Stop. -
May’s Blood
Ao final a convocatoria foi a metade do esperado, é dicir, de dúas persoas. Aínda que chegamos a pensar en cambiar de filme por falta de quorum, ao final, Mourullo e un non-servidor decidimos seguir fieis ao programa, máis que nada porque era o único filme que nos daba a tempo a ver despois de xantar.
A ambientación da vida cotiá da época moi ben, co vestiario e todo iso, pero… un pouquiño longa, señor Garci -quen, por certo, fai a voz en off do principio-. E o final, precipitado (despois das dúas horas e media anteriores), con ese look-cutre-de-que-los-españoles-no-sabemos-hacer-escenas-de-acción, e uns surrealistas planos finais onde se bota a faltar a Espe. Memorábel o cameo de Luis Herrero e a participación de eternos secundarios do cinema hispano. Os protas… digamos que son bastante mellores ca os actores de Física y Química.
-
Día 2 (4 de agosto)
A verdade é que o segundo día, despois do tute da viaxe, dediqueino máis ben a explorar College Point, e coñecer as rúas, as avenidas, as tendas, os restaurantes e os parques. Non saquei apenas fotos da zona, porque, como xa todo o mundo sabe, o Google Street View permítenos facer unha viaxe virtual en coche por practicamente todas as rúas de Nova York, e de moitos outros lugares do mundo civilizado (e tamén de Vigo).
Esta foto está sacada, días despois, dende o MacNeil Park, onde hai vistas ao Bronx -e ao Whitestone Bridge-, a Manhattan, a Rikers Island e ao aeroporto de Laguardia.