Blog

  • Encontros musicais

    O programa Encontros, da TVG, é un pozo sen fondo inesgotable de material e inspiración para este blog, sen dúbida. O magacín presentado pola incomparable Maricarmen Mella ofreceunos esta semana a actuación estelar de Malena Gracia, unha das protagonistas máis asiduas dos programas de tele-lixo (aínda que, tamén, hai que dicir que a culpa do tele-lixo é de quen o fai e de quen o ve, non dos pobres personaxes dos que se nutren estes espazos, como Malena). Aí a tedes, no Encontros. Dentro de nada pasará tamén por Noites de Xolda e Supermartes. Tempo ao tempo. Por certo, que o vestiario, tanto dela como dos bailaríns, parece máis propio dun desfile de moda de Agatha Ruiz de la Prada ou dalgún dos seus pupilos… ou será cousa do Entroido?

  • Xeración do 98

    A outra xeración do 98: os que compartimos aulas aquí, pero na época pre-Siza, cando a súa sede estaba na praza de Mazarelos.
    Que foi deles? Pois, de cando en vez, atópome con algúns mentres navego por estes inestables océanos.
    Hoxe lin, casualmente, un artigo de opinión dun compañeiro de facultade do que non sabía nada dende hai anos.
    E esta tamén estudou comigo.
    Xa haberá tempo de facer outras procuras ao estilo Lobatón.
    Nota mental: creo que teño que pensar seriamente nas avantaxes da emigración. E se el repite, será un motivo máis.

  • Cada día máis linda máis linda cada día mellor e mellor

    Esta medianoite comeza a campaña electoral do referendo sobre a constitución europea. E dentro de nada xa chegarán as eleccións autonómicas. Propoño esta canción para a campaña dalgún partido. É o cumio da auto-xenreira, por iso triúnfa de tal xeito nas verbenas galegas.
    Nótese, tamén, esa mostra de reintegracionismo radical polo feito de que a letra está en portugués e non en galego.
    Como quen lle vai vender xelados aos esquimós, veñen Lucía e Joaquín dende a Arxentina e fannos esta queridísima homenaxe aos galegos…
    Propóñolles tamén aos Pimpinela que fagan versións adaptadas para os cataláns e os vascos. Poderíanse titular “Al compás de una sardana” e “Al compás de un aurresku”…