Día 4 (6 de agosto)

Por fin, o mércores, tocou Manhattan, por primeira vez. Manhattan ten ese aire, grandioso por unha banda, pero familiar e nada opresivo por outra. De feito, eu, e case todo o mundo, coñecemos mellor Nova York que, por exemplo, Lugo -agás os lugueses, claro. O que si só se ten despois de visitar NYC é a composición de lugar, o mapa mental que despois nos permite ver esa serie, ese filme, ese spot,e saber o lugar en que se desenvolve.

Aquel día chovera mooooito pola noite, así que era complicado achegarse dende Long Island até Manhattan por determinadas pontes. Polo tanto, houbo que entrar polo norte, por ese barrio tan coñecido -e polo que o ministerio de Asuntos Exteriores recomenda non circular de noite- que é Harlem. A pesar do seu nome de orixe neerlandesa, non está cheo de inmigrantes dese país europeo.

Por esa vía alternativa, chegamos a Chelsea Piers, onde estaba a traballar o meu padriño. A partir dese momento, a visita foi a pé, até o centro-centro: a Sétima Avenida e a arquifamosa Times Square, onde os meus curmáns me sacaron esta foto que se fixo tan famosa e da que podo asegurar que a raíña Sofía non manipulou con Photoshop.

Despois de cruzar tamén a moitas veces inxustamente esquecida Sexta Avenida, chegamos á auténtica milla de ouro do mundo: a Quinta Avenida, onde ademais de Tiffany’s tamén hai Zara e Mango, claro que si. E o Rockefeller Center, e a catedral de Naomh Pádraig (nótese a pedantaría). E, subindo a Quinta, chégase a Central Park, despois de pasar pola Apple Store, na que non entrei porque non son maqueiro nin wannabe-maqueiro.

Bordeando ese enorme parque pola Quinta acábase chegando a este museo, que estaba, como case todo, parcialmente en obras -e non todas as salas estaban abertas.

Si, nas súas escaleiras sentan as rapazas pighas de Gossip Girl. É curioso, tamén, que en vez dunha tique-entrada, danche esta especie de cracha-clip:

E, se queredes ver algunhas das obras de arte incluídas, e planos dos dous andares, velaquí esta galería:

[photoxhibit=1]

Día 3 (5 de agosto)

Atlantic City é un filme de Louis Malle. Atlantic City é tamén unha cidade da costa de New Jersey (ou Niuchese), chea de casinos, polo que lle chaman a Las Vegas da Costa Leste. E Atlantic City non forma parte dos típicos itinerarios turísticos de Nova York.

A verdade é que Atlantic City ten de todo: un paseo marítimo ao estilo dos que moitos concellos costeiros galegos fixeron despilfarrando fondos europeos, pero con máis glamour, praia ao ladiño e… moitísimos casinos, como xa dixen, divididos en temáticas: o casino ao estilo romano, ao estilo as mil e unha noites, ao estilo far west… Cando menos polo día están cheos de xubilados que peregrinan a Atlantic City a gastaren as pensións. As camareiras son máis novas, duns 50 anos aproximadamente.

Por certo, que, accidentalmente, unha camareira que pasaba ao meu pé deixou caer a bandexa e as bebidas que levaba nela… “You tricked me”, dixo. Pero eu non fun (ou si?). Despois xantamos nunha zona buffet, tamén chea de rapaces de ouro, cunha gran variedade de comidas e de sobremesas -tamén sen azucre, evidentemente.

Os casinos tamén teñen unha función social, con consellos para evitar a ludopatía, como este folletotríptico, Knowing When to Stop.

Día 2 (4 de agosto)

A verdade é que o segundo día, despois do tute da viaxe, dediqueino máis ben a explorar College Point, e coñecer as rúas, as avenidas, as tendas, os restaurantes e os parques. Non saquei apenas fotos da zona, porque, como xa todo o mundo sabe, o Google Street View permítenos facer unha viaxe virtual en coche por practicamente todas as rúas de Nova York, e de moitos outros lugares do mundo civilizado (e tamén de Vigo).

Esta foto está sacada, días despois, dende o MacNeil Park, onde hai vistas ao Bronx -e ao Whitestone Bridge-, a Manhattan, a Rikers Island e ao aeroporto de Laguardia.

Día 1 (3 de agosto)

Ben, aquí comeza a crónica da viaxe a Nova York que todo o mundo estaba a agardar (e xa pensaba que non ía redactar). O primeiro día o único que pasou foi… a viaxe. Tres voos en total, Compostela Lavacolla-Madrid Barajas, Madrid Barajas-Londres Heathrow e Londres Heathrow-Nova York Kennedy (que alí ninguén chama JFK como Lavacolla non é SCQ). O que máis medo me daba, de principio, era o enlace en Londres, porque tiña que cambiar de terminal (da 2 á 3) e non sabía se me daría tempo, se serían moi pesados cos controis de seguridade… Ao final, absolutamente ningún problema.

A saída foi dende Lavacolla, con Iberia. Como é habitual en min, cheguei con moitísima antelación, así que pasei un bo tempo na zona de saídas, onde comprobei que hai conexións aínda máis raras ca a miña, como Compostela-Madrid-Barcelona-Zurich (habendo Compostela-Zurich, pero a saber con que frecuencia e a que prezos), ou que os turistas cataláns son exactamente igual ca os españois: ruidosos, irrespectuosos cos demais, fumadores… pero catalanfalantes.

Xa chegado a Barajas, á famosa T4, comprobei o que volvería sufrir á volta: que non sabes a porta de embarque que che vai tocar até cinco minutos antes da hora de embarcar. Por sorte, tocoume saír exactamente pola mesma que entrara. E os prezos son carísimos, tanto que Manhattan case me pareceu barato, en comparación. Moita calor en Madrid a comezos de agosto, por certo, pero só se notaba ao pasar polo finger. Bendito ar condicionado. Si, hai moita xente que o odia, pero… que vaia a Nova York, a ver o que di despois.

Despois, a chegada a Londres -ben, a Heathrow-, onde chovía intensamente. O aeroporto non é precisamente bonito. Máis ben, daba a impresión de ser o decorado dalgunha serie de ciencia-ficción británica dos anos 70-80, con tantas reixas e escaleiras metálicas polo exterior. Como tiña dúas horas escasas de tempo para cambiar da terminal 2 (Iberia) á 3 (American Airlines), fixen o percorrido a toda marcha e sen dubidar -está todo claramente indicado, con eses carteis de cor maxenta de Flight Connections-. Mesmo fun á porta correcta -International Flights-, onde, por se acaso, estaba un señor negro preguntando “Where to?”. Collín o bus, onde che poñen uns vídeos educativos sobre o control de seguridade mentres che entra un pouco de terror cando ves como o vehículo colle as rotondas pola esquerda. Non tiven problemas en pasar ese control, ao contrario ca unhas rapazas norueguesas que tiña diante (seino polo pasaporte ;)), ás que lles pitou o detector de metais. Levarían piercings ou algo. Despois, xa chegado á zona de saídas da T3, non se me ocorreu mellor cousa que ir xá á porta 13, despois do control de pasaportes… Para ir ao baño -a onde non fora no momento axeitado- había que deixar o pasaporte, e ao volver poñíanche unha marquiña na listaxe de pasaxeiros -como sospeitoso de drogarse/recoller armas ou o que fose na restroom (onde non se descansa, senón que se fan as necesidades intrínsecas do ser biolóxico).

Mentres a carón miña uns mozos se escarallaban cun episodio de Family Guy que estaban a ver no portátil, chegaron os pilotos do avión, que tiñan un pouco pinta de Benny Hill ou de Leslie Nielsen, non sei exactamente. Xa no interior, cando chamaron aos do grupo 3, no que estaba eu, despois de nenos, impedidos, primeira clase e business, comprobei que tiñan pantalla individual cunha chea de xogos, música e filmes en varios idiomas, aínda que o máis divertido sempre é o itinerario de voo.

Aínda que eu sempre pedín fiestra (e sempre me tocou unha marabillosa vista da á), no voo Londres-Nova York tiven que cambiarllo -sen ningún problema pola miña parte- a unha parella española (tamén me viron o pasaporte) á que lle tocara o corredor de por medio, e, claro. Despois sentín momentos de inseguridade ao ver que o avión tiraba para o norte e atravesaba Manchester, a Illa de Man, Ulster, Donegal e se achegaba primeiro a Islandia e despois a Groenlandia… Pero ao final non fun ao país de Björk e de Cocktail Vomit (aínda que estaría ben). Non lamentei perder as marabillosas vistas de nubes -e nada de terra nin mar- pola fiestra.

Xa chegado a Nova York, a iso das once da noite, tocaba o último obstáculo: inmigración e alfándegas. No avión xa che dan as tarxetiñas correspondentes: unha branca e a outra verde, aínda que eu tardei un tempo en decatarme de que as tiña que cubrir -e pedilas-. Por sorte, a parella española tiña un bolígrafo -eu non-, e cubrín todos os datos: lugar onde ía residir, se estivera en contacto con animais de granxa, o valor que tiña o que levaba na maleta… cousas normais. Como todo o mundo debe saber, hai que poñer “$0” e cubrir “NON” en todas as casas de preguntas para superar a proba. Unha vez chegado á zona de inmigración, tomáronme as pegadas dactilares, tiráronme unha foto -quedei fichado- e déronme o visado, non sen antes me preguntar canto tempo ía pasar. En teoría, os cidadáns da UE non precisan visado para entrar nos EUA, na práctica non o necesitan antes, pero si que che dan por tres meses -xa me gustaría ter podido pasar todo ese tempo-. Despois dese trámite lixeiramente estresante, pasei a recoller a maleta, que apareceu axiña, e xa atravesei a porta, onde me agardaban os meus padriños. Despois, atravesei Queens de noite e cheguei á casa, onde comprobei que os mosquitos me adoran o mesmo aos dous lados do Atlántico. Pero iso xa é outra historia…