Defiance

Aínda que tiña pensado valorar esta estrea cunha soa palabra no Twitter, Dorfun propúxome que escribise un artigo sobre a miña impresión, así que aí vai, a forza de non espremer a miña capacidade de síntese.

Tamén teño que facer unhas puntualizacións por adiantado: non me documentei nada sobre a serie nin busquei na rede, así que serán ‘primeiras impresións virxes’; e vin a serie sen subtítulos nin nada.

A conclusión á que cheguei despois de ver o piloto de 85 minutos (!) é que seguirei a ver a serie. Isto xa é unha valoración positiva.

No que se refire ao argumento tal e como o entendín, é a historia dun buscavidas e a súa filla adoptiva que actúa como narradora, ou algo así. A historia sitúase no futuro, 33 anos despois da chegada á Terra duns extraterrestres que se supón que estiveron en guerra cos terrícolas. Despois de 18 anos, chegouse a un armisticio e, aparentemente, nun mundo caótico e medio-terraformado, onde a Antártida é habitábel e todo e hai plantas e bichos raros, acaban convivindo os humanos con varias especies alieníxenas, que non cheguei a comprender aínda se son todas as que viñan nas naves ou hai híbridos ou creacións de enxeñaría xenética.

Non lembro exactamente os nomes das especies raras, pero eu bauticeinas como os “ollos grandes-quintos elementos”, os “pallasos-Yohios” e os “caras de peixe”. Tamén hai uns poucos orangutáns, uns androides-cachas e uns robots-cascuda malos malosos.

Os pallasos-Yohio falan en Arial.

Ben, pois 15 anos despois do armisticio -ou 33 despois da invasión- vemos como os protagonistas, despois de varias peripecias, acaban chegando a unha cidade-paraíso-refuxio chamada Defiance, que é realmente St. Louis. Alí conviven con máis ou menos harmonía as diferentes especies e non sei se tamén os seus híbridos.

En fin, que para non contar máis historia, diría que o que máis me gustou é o tema multicultural-multiespecie, mesmo con diálogos en lingua extraterrestre -subtitulada en inglés-. Iso, xunto con algúns elementos de humor, lémbrame -e gustaríame que tirase por aí- bastante a Farscape, de feito un dos seus autores, Rockne S. O’Bannon, foi tamén responsábel da mítica serie australiana. Ademais, os personaxes crean empatía, que é algo que non sempre acontece -e que me leva a dicirlles que non a algunhas series-.

Entre os puntos que vexo que “precisan mellorar” están a atmósfera mad-max-pó-lixo e que se bota man do ‘nunca visto’ tema de Romeo e Xulieta -non vou explicar máis-.

Pois iso, que é unha serie que, se continúa, podería chegar a crear o seu propio universo, fan-ficción e subcultura, e que para seguila haberá que consultar a Wikipedia, cousa que vou facer xa.

Watching via Miso

Cando xa levamos varios meses da ‘nova temporada de series’ ou, mellor dito, xa estamos na pausa das festas do inverno, chega o momento de falar -e non evanxelizar- das que estou a seguir. Non o fixen antes porque estou a actualizar o blog con bastante escasa periodicidade. Pero xa tocaba. Dentro dos espazos de ficción -só me vou meter cos estranxeiros, para no ferir susceptibilidades- vou repasar as que seguirei a ver, até que as cancelen, e as que deixei de ver porque non as aturo.

Vinas e gustáronme (e recoméndoas)

[flash http://www.youtube.com/watch?v=wDn7WEON8dc]

  • Boardwalk Empire. Gangsters na época da Lei Seca, producida por Scorsese para a HBO… pero realmente o que me atraeu foi que se desenvolve en Atlantic City.
  • Burnistoun. Algo así como unha Little Britain en versión escocesa, cos seus ás veces difíciles de entender acentos e cun xeito moi peculiar de ver a vida. Haberá segunda temporada, afortunadamente, pois os seus protagonistas estiveron estas semanas a contarnos como foi a rodaxe a través do Twitter.
  • This Is Not My Life. Ciencia-ficción dende Nova Zelandia sobre un home que descobre que quizais o que está a vivir non sexa a súa vida. Tamén interesa polo seu ‘exotismo’. Espero que si teña segunda temporada. Cando a estreen nos EUA -se se chega a dar o caso- haberá moita xente que a “descubra” por fin.
  • An Idiot Abroad. Os artífices da xenial The Office -non falo da copia que fixeron despois nos Estados Unidos- envían o peculiar Karl Pilkington a coñecer as marabillas do mundo. A el parécelle todo horripilante. Un documental de viaxes diferente. Confeso que o vou vendo aos poucos.
  • Nikita. Unha das sorpresas do ano. Parecía que ía ser outro remake dos de The CW, pero está a resultar un xeito moi aceptábel de pasar uns minutos entretidos. Xa sei, tampouco é para gañar Emmys.

Vinas sen moito entusiasmo -e quen queira velas, que as vexa

[flash http://www.youtube.com/watch?v=TqYX-qI9oxw]

  • Shit My Dad Says. Aparentemente decepcionante versión televisiva da famosa conta de Twitter, aínda que tamén me gustaría saber que se esperaba diso. En calquera caso, grande William Shatner, moi lonxe do capitán Kirk.
  • The Event. Serie que mestura a ciencia-ficción extraterrestre con conspiranoias, pero sen ter nada que ver con The X Files. Déixase ver, mesmo para os partidarios das explosións e doutros efectos estupefacientes.

Non pasei do primeiro episodio -que si que aguantei

[flash http://www.youtube.com/watch?v=EN6LMV4-Dfs]

  • My Generation Despois de soportar os algo máis de 40 minutos de episodio, cheguei á conclusión de que non me importaba en absoluto coñecer nada máis do pasado nin do presente da vida dos personaxes. O público estadounidense debeu de pensar o mesmo, polo que esta serie foi fulminantemente cancelada.
  • Hawaii Five-0. Puntos a favor: que respecta a sintonía orixinal e a presenza de dous actores coreanos que participaron en dúas moi boas series. Puntos en contra: todo o demais.

Sigo a ver

[flash http://www.youtube.com/watch?v=ccHORot0vNA]

Ah, e que é Miso? Pois isto.