Usar o buscador de imaxes de Google para ilustrar unha información non é sempre moi recomendábel. Non hai máis que lembrar aquela mítica metedura de zoca que fixera La Voz de Galicia cunhas fotos dos Lunnis que levaban os corpos da familia real española (photoshoppeada pola raíña Sofía), e da que se fixera eco Xaime. Pois eu acabo de descubrir outra, non tan grave, pero tamén moi divertida:
Como se pode ver na imaxe (ampliábel clicando) Avelino González e Camila Bossa non son Jorge Mira e Yolanda Castaño, evidentemente. Pero, parece ser que para a Axencia Audiovisual Galega si que o son, porque esa captura da TVG que eu subín a Flickr ilustra a ficha do programa Cifras e Letras, o de verdade, o que presentan Yolanda Castaño Pereira e Francisco Lodeiro Gómez (tamén se pode facer clic para ampliar).