Non sei se alguén lembra a serie Doutor Who, que hai uns anos botaron pola Galega. Trátase dunha mítica serie de ciencia-ficción da BBC que comezou aló polos anos 60 e pasou por diferentes etapas interpretada por diferentes actores. Ten a escusa de que o tal Doutor Who é un ser doutra galaxia (ou algo así, non me lembro ben) que ten unha máquina camuflada nunha cabina de teléfonos da policía británica que lle permite viaxar polo tempo e o espazo. Ademais, o doutor ten a facultade (ou defecto, segundo se vexa) de cambiar completamente de forma e personalidade cada certo tempo.
Volvemos á historia: na Galega puxeron os capítulos dos anos 70 interpretados por Tom Baker. Agora, a BBC ONE estrea o vindeiro sábado santo en horario para todos os públicos (19 horas GMT) unha nova etapa protagonizada por Christopher Eccleston (?).
Supoño que os efectos especiais mellorarían moito con respecto aos anteriores episodios, aínda que espero que manteña ese encanto da ciencia-ficción británica, tan diferente da americana. Por suposto, algún día tamén haberá ci-fi galega (isto non é unha idea para os guionistas dos Tonechos).