Liberdade de prensa

O 3 de maio celébrase o día mundial da liberdade de prensa, algo que teoricamente xa existe nas democracias e que só falta no terceiro mundo, aínda que na práctica todos sabemos que a liberdade total e absoluta de prensa non existe aínda. A Internet pode ser un primeiro paso.
Como está tan de moda isto das «pulseritas», pois ocorréuseme inventar a «Modestrong» a imaxe e semellanza da ideada por Lance Armstrong que, debido aos bos beneficios que está a obter mediante a bixutería de plexiglás, decidiu abandonar a práctica profesional do ciclismo. Por fin o resto dos mortais terán unha oportunidade no Tour de Francia…
Outra cousa: a «Modestrong» é completamente gratuíta, invisible (non fai falta poñela en ningunha parte do corpo, senón que abonda con levala na alma), e, o mellor de todo, vale para calquera cousa que se considere inxusta ou que ten que solucionarse. Pero, como acontece cos produtos adelgazantes, que se deben complementar cun consumo reducido de graxas e a práctica de exercicio, o mellor xeito de acadar os obxectivos é loitando por eles.
Xa me esquecía: o día mundial da liberdade de prensa é xornada festiva para os estudantes de Xornalismo de Santiago. Para os que non o saiban, hai uns oito anos ou así escollemos ese día do patrón porque se pode facer ponte co 1 de maio.

Deixar unha respostaCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.