Moitísimos quilòmetros. Iso foi o que nos metemos -ademais de moita comida- onte en Casa Cándida, na gran papanza de Chuza. En total, asistimos once persoas -entre as que me inclúo- e puidemos gozar de gorentosos manxares. Aranha, Ascárida, Berto, Dorfun, Fer, Ghanito, Ifrit, Mourullo, Orsinia, Snob e mais eu chegamos en catro vehículos diferentes a Viveiró (Muras) sobre as dúas da tarde. Pero será mellor que vaiamos por partes.
En marcha
Quedamos ao mediodía en Compostela, onde puiden coñecer en vivo o que tan poucas persoas coñecen: o centro neurálxico de Chuza, do que non vou dar máis detalles para gardar a cláusula de confidencialidade. Nas rúas compostelás tamén puiden comprobar o meu dominio do inglés grazas a dúas turistas que preguntaban onde quedaba o río Sarela (momento Follow Me).
Eu levei no coche a Ifrit e a Fer, e a banda sonora púxoa Extrarradio. Con Berto e Orsinia viaxaron Aranha e Snob -era o auto para fumadores-, dende A Coruña viaxou Ghanito con Mourullo e Ascárida -banda sonora de Phil Collins-, e Dorfun chegou dende Ferrol.
Que bonita é a paisaxe
A pesar de que ía seguindo a mazá de Apple do coche de Berto, cheguei nalgún momento a dubidar de ata onde iamos parar, porque o camiño era, máis que longo, complicado: zonas asfaltadas, zonas sen asfaltar, estradas estreitas, monte e aeroxeradores -é dicir, igualiño ca o Barbanza-.
Por fin chegamos a Casa Cándida, aproximadamente á hora prevista. O día era soleado, sen unha soa nube, menos mal. O que xantamos xa o conta Ghanito, así que non vou caer en reiteracións, porque metabloguear é o puto peor. Ademais, el é sempre o máis rapido para estas cousas.
Ao saír do restaurante -coido que fomos os que máis horas pasamos aló, quizais por iso nos agasallaron cun 11×10– e, despois de discutir sobre o que iamos facer e a onde iamos ir, Dorfun propuxo visitar unha fermosa paraxe «aí ao ladiño».
O Caneiro
Un fermoso merendeiro ás beiras do Eume, pero que non estaba tan «ao ladiño», senón na provincia lindeira, serviunos para ter conversas do máis endogámico, das que non debería dar demasiado detalle. O que si é certo é que alí había moitísimos cogomelos -tamén amanita muscaria– e mesmo flores de azafrán. Despois desta sobredose de bucolismo, caeu a noite, e decidimos que non ía haber chuzarrachí, porque algunha xente non se atopaba demasiado ben despois da enchenta -non vou precisar quen-, outros tiñan asuntos propios que resolver e, finalmente, dividímonos: uns para A Coruña e outros para Compostela -entre eles, eu, cos dous da ida máis Aranha e Snob, que marchou para Ogrobe, a saber para que-.
Pero a historia rematou hoxe, cando Ifrit me avisou de que lle quedara o móbil no meu coche. Pero terá que agardar ata o martes para recuperalo. Non te preocupes, que está a salvo.
Por certo, que, durante a nosa ausencia, os trolls aproveitaron para facer das súas. Son coma nenos.
As coñas fanme moita graza, pero esta de Phill Collins raia na difamación.
Tera noticias dos meus avogados.
Casa Candida e para min o millor restaurante galego, e penso iso dende que o coñecin a comezos dos anos 80 (1980´s).
Encántanme estas crónicas, pero dan unha envexa…
Un saúdo!!
Haberá que ir argallando a seguinte 😀
…únome ó seu gabinete, ghanito… total por 10 quilómetros de nada (5 arriba, 5 abaixo)… XD
Perdón pola intromisión pero teño curiosidade… non será a area recreativa do Caneiro, nas Pontes? porque de aí son os meus avós e ainda vive o meu tio.
Seguramente tivestes que apartar da estrada Viveiro – As Pontes en Roupar e mais adiante baixar por outra pista á esquerda cara ao Caneiro.
Os master-chuceiros polos “meus territorios”, curioso 🙂
Si, aí mesmo. Xa corrixo a pluralización incorrecta. 😀