Supergalegos coma ti

Esta columna foi publicada na sección Ás ceibas do número 33-34 da Revista Luzes, en agosto de 2016.

Non sei se lembran aquel programa de humor que se emitía na TVG naqueles tempos do bipartito. Air Galicia era unha sucesión de números cómicos que parodiaban e ridiculizaban a realidade política e social do país, e que contiña algunhas seccións que se repetían sen periodicidade fixa. Unha delas era o concurso O máis galego, onde dúas persoas, polo xeral unha galega e outra que podía ser calquera personaxe histórica, viva ou morta, competían por quen tiña máis puntos de galeguidade. Sobra dicir que, para a hilaridade da audiencia, individuos como Hitler acababan resultando máis galegos que ninguén.

E aquí chegamos ao quid, que non quiz nin Kitt, da cuestión: que identificamos como a auténtica galeguidade? Pois, lembrando que Hitler era o máis galego porque sabía mover os marcos das leiras, chegamos á conclusión de que é o rural. Algo que, nun mundo cada vez máis urbano, pode significar que a nosa nación estea en perigo de extinción.

Non podemos permitir que o concepto de galeguidade se limite ao mundo rural, ao tradicional, ao invariable e intocable, porque a humanidade, por definición, evoluciona, muda, e con el debe evolucionar tamén o galego, a lingua, e o noso concepto de rural, por suposto. E non podemos excluír a xente da cidade do que supón ser galega.

O rural sempre estará aí. Non vai desaparecer, tampouco. Evolucionará. Non debemos demonizalo. De feito, levámolo todos dentro -algunhas persoas máis ca outras- e é unha parte de nós totalmente compatíbel co ‘mundo moderno’.

Ás veces parece que temos sobrevalorado ese concepto do mundo rural, esa Arcadia, ese paraíso perdido, sobre todo para a xente da cidade. Xente que cada fin de semana ‘volve ao rural’, a cargar cos produtos do campo para encher a despensa durante toda a semana. Porque todos, todos, por moi urbanitas que sexamos, temos raíces no campo.

E tamén acontece o caso contrario: xente do rural que se ve atrapada alí e soña con vivir na ruidosa cidade, onde se dispón de máis servizos, máis modernidade, máis liberdade… Mentres as da cidade soñan con ese campo marabilloso, tranquilo, verde e natural. Porque sempre queremos o que non temos, e cando o conseguimos, queremos recuperar o que perdemos. E así até o infinito.

E ese concepto de galeguidade rural contáxiase tamén á nosa lingua. Aquela señora maior que berraba nunha manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela: “Paletos, aldeanos, libertá, libertá” é o vivo exemplo desa crenza, tan asentada entre os urbanitas galegófobos como entre a xente do campo, sometida a décadas de presión e de acomplexamento.

Esa forma de pensar é a que tamén leva a que moita xente identifique o galego culto, normativo, “moderno”, “urbanita”, como algo artificial e non “vivo”, “porque a miña avoa non fala así”. Todos nós temos tamén avoas filólogas, polo visto. Esta mentalidade é a que perpetuaría a extinción do galego, como se leva pretendendo durante séculos: desterrándoo como unha lingua coloquial, sen norma escrita, que se vaia corrompendo e contaminando lentamente pola presión da lingua “moderna”, “boa”, “de proveito” e “de futuro”.

O que nos levaría a volver a aquel concurso ficticio de televisión. Quen sería o máis galego? Quen fale como a súa avoa? Quen coñeza toda a teoría pero non teña por que practicalo? Habería que incluír nos exames para obtención do Celga coñecer as partes do carro ou os nomes de todos os peixes en todos os portos do país?

Todos podemos ser supergalegos. O mellor xeito de que a nosa cultura sobreviva non é mantela no arcón conxelador, como o porco que traemos matado da casa dos parentes do rural, senón facela vivir día a día e que medre e se adapte ás mudanzas da sociedade. Vale, menos facer cancións de electrolatino en galego.

Politicavisión

Esta columna foi publicada na sección Ás ceibas do número 31 da Revista Luzes, en xuño de 2016. Con esta entrada, comeza a redifusión neste blog das miñas colaboracións noutros medios.

Un dos mantras máis repetidos polo movemento cuñadista arredor do Festival de Eurovisión volveuse certo este ano. Aínda que os eurofáns sempre se encargaron de desmentir o cliché, o certo é que a edición do 2016 do certame foi unha das máis tocadas pola ‘política’, para desgraza da Unión Europea de Radiodifusión (UER), que organiza o evento.

Poucos días antes da celebración da eurofesta deste ano, que tivo lugar en Estocolmo, usuarios das redes sociais descubriron con estupor que nas normas do concurso se prohibía a exhibición de bandeiras non ‘nacionais’ entre o público, coa única excepción da bandeira do arco da vella. E, aínda por riba, no documento de exemplo publicado pola televisión pública sueca, a SVT, aparecían bandeiras como a do Estado Islámico ou… a ikurriña vasca.

As reaccións non se fixeron agardar. Tanto o goberno vasco coma o español tomaron accións diplomáticas para que se corrixise o desagravio, que rematou, felizmente, coas desculpas da SVT, que retirou a bandeira vasca do documento de exemplo. Aínda así, a norma seguiu vixente. Resulta paradoxal que, semanas despois, fose o mesmo goberno español o que tentou prohibir que se exhibisen esteladas catalás na final da copa do rei de fútbol. Pero… esa é outra historia.

Como mostra do pouco caso que se lle fai á norma en Eurovisión, entre o público seguíronse a ver bandeiras non ‘nacionais’. E, aínda peor: a participante de Armenia, Iveta Mukuchyan, durante as votacións da primeira semiifinal, atreveuse a exhibir unha bandeira das explicitamente prohibidas pola organización: a de Nagorno-Karabakh, encrave de maioría armenia en territorio de Acerbaixán, e fonte de conflito entre os dous países. A UER anunciou sancións contra a televisión caucásica.

Deixando de lado as bandeiras, do que sempre se acusou de ‘politiqueo’ ao Festival de Eurovisión foi na repartición de votos entre países. Tradicionalmente, os veciños dábanse entre eles o maior número de puntos posible, levasen a canción que levasenm facendo das votacións un momento entre previsible e delirante. Pero este ano, paradoxalmente, non foi así.

Rusia partía como favorita. Enviou un dos seus cantantes máis populares, Sergey Lazarev, cunha canción e un espectáculo visual con todas as de gañar, como así o reflectiron as casas de apostas, maiormente británicas.

Á hora de facer públicos os resultados, por primeira vez, ofrecéronse por separados os puntos dos xurados e os outorgados pola audiencia. Nun primeiro momento, a suma dos votos dos diferentes expertos de cada televisión participante deulle a vitoria á canción de Australia -si, Australia participa desde o 2015, grazas a que é un país onde se segue Eurovisión con enorme atención desde hai un par de décadas.

Pero, cando chegou a hora de sumar os votos do público, a balanza decantouse por Ucraína, que presentou un polémico, triste e pouco festivaleiro tema sobre a deportación dos tártaros de Crimea en 1944 por parte da Unión Soviética, que os acusara de colaboraren cos nazis.

Rusia tomou a vitoria de Ucraína como unha agresión nacional, e tentou por todos os medios anular a participación ucraína. Primeiro, argumentou que a canción trataba un tema político, prohibido no festival, ao atopar paralelismos coa actual ocupación rusa de Crimea. Despois, destapando que o tema se fixera público meses antes do prazo que permite a organización. A resposta da UER foi, outra vez, negativa, por considerar que a difusión da canción fora mínima.

O que si podemos sospeitar, amaños políticos á parte, é que parece que houbo un masivo apoio a Ucraína por parte do público antirruso. Tanto os países ‘inimigos’ do goberno de Putin como a comunidade LGBT, gran seareira do festival e oposta ás políticas homófobas de Rusia, puideron ver na ‘indirecta’ ucraína unha oportunidade de amosar o seu voto de castigo.

Ata maio de 2017 aínda poden pasar moitas cousas, pero non sería de estrañar un boicot de Rusia e dos seus aliados musicais. E será o regreso de Portugal!

Villa de Puerto del Son

Cando entramos en Google Maps, en galego, especifico, atopamos este WTF maiúsculo.

Por algún motivo automatizado e por medio dalgún aquelado sistema de demencia artificial, Google decide extraer o nome da localidade desta entrada da Wikipedia en español. Entrada na que, por certo, figura no encabezamento o seguinte:

Este artículo o sección necesita referencias que aparezcan en una publicación acreditada. Este aviso fue puesto el 5 de abril de 2014.

E é que, de feito, ese topónimo está completamente inventado. En calquera caso, se se quixese empregar o nome que se lle deu á vila durante o franquismo, terminoloxía pola que ten especial adicción a Wikipedia en español, deberíase usar Villa y Puerto del Son, como se indica no propio artigo.

Por moito que tentemos restablecer o topónimo á súa forma legal, en cuestión de minutos algún bibliotecario ou administrador da Wikipedia en español reverterá os cambios ipso facto. Non son tan dilixentes en corrixir erros ortográficos ou de estilo, que pragan esta versión da enciclopedia libre.

Nunha última tentativa, decidín poñer como versión en galego desa Villa y Puerto del Son o seu equivalente na Galipedia. A ver se, co tempo, páxinas como Google Maps ou Facebook, cando as temos en galego, renomean a localidade polo seu nome correcto. Se as tes en castelán, seguirás a ver as mesmas aberracións.

Actualización (2-6-2017)

Pois, finalmente, na versión en galego de Google Maps xa aparecen os topónimos como na Wikipedia en galego, é dicir, co nome de localidade, seguido da parroquia e do concello.

Mapa de Porto do Son co topónimo correcto. Google Maps
Re-actualización:

Pois vese que recuaron e volvemos ter o topónimo marciano.

Actualización do 12-11-2017 (esperemos que derradeira):

Xa está solucionado, parece.

Pirómanos das redes sociais

Velliña chorando polos lumes nas Fragas do Eume en 2012 - Internet

Como xa case todo o mundo sabe, esta semana en Porto do Son sufrimos unha serie de incendios provocados, que no momento de escribir este artigo aínda non foran extinguidos por completo, e que afectaron a máis de mil hectáreas de monte.

Ás perdas da biosfera, tanto vexetal como animal; á contaminación que fixo o aire irrespirable ao nivel de cidades como Beixín ou Madrid cando están cubertas pola ‘boina’ de smog; ao estrés causado ás persoas que viron como o lume ameazaba as súas casas, ou aos campistas que tiveron que ser desaloxados de dous cámpings cercados polas lapas; ao gasto que tivo que afrontar unha administración pública centrada nos recortes, no curtopracismo, e que, diante dunha situación imprevisible, se viu obrigada a gastar en efectivos de extinción de lumes moitos máis cartos dos que pretendía aforrar recortando en medidas de prevención, aínda que aproveitou para sacarse a foto de rigor… A todo isto témoslle que sumar as consecuencias doutro tipo de delincuentes, xa non no mundo real, senón no virtual.

Existe un perigo igual de malintencionado, pero que calcina a credibilidade das redes sociais e se ampara nos sentimentos da xente para crear viralidade con imaxes impactantes, espectaculares, fortes… pero descontextualizadas, contando mentiras ou medias verdades e facendo que a xente as estenda, facéndolle o traballo sucio ao perpetrador.

Así, estes días puidemos ver, sobre todo no Facebook, posiblemente a rede social con menos filtros éticos, señoras e señores, cousas como estas:

Esta arrepiante fotografía de cabalos calcinados quíxose facer pasar por actual, cando en realidade correspondía a feitos acontecidos hai 10 anos, noutro lume masivo na serra do Barbanza. Cando menos, o contexto coincide co que se nos quixo ‘vender’. Como veremos, a cousa seguiu dexenerando e empezaron a aparecer aberracións peores.

Velliña chorando polos lumes nas Fragas do Eume en 2012 – Internet

Estoutra fotografía dunha velliña chorando diante dunha paisaxe queimada tamén se nos quixo facer pasar como unha imaxe da comarca do Barbanza. Neste caso non fun capaz de atopar a orixe exacta desta obra tan impactante. Google Imaxes devolve resultados de páxinas digamos que de escasa credibilidade, aínda que todas coinciden en situar a fotografía nos lumes das Fragas do Eume, no ano 2012. Descoñezo a autoría desta imaxe, pero desde logo a persoa que a tirou merece un premio, sinceramente. Non podo dicir o mesmo de quen decidiu roubala e dedicarse a descontextualizala para que os usuarios de Facebook, de bo corazón e escaso senso crítico, a difundisen masivamente.

Actualización:

Pero esta mañá xa me atopei co colmo do descaro: este grupo de fotografías creado por un tal Juanjo Míguez.

Unha busca rápida en Google Imaxes devolve resultados de distintos lugares, maioritariamente de lumes na provincia de Córdoba, na Arxentina, aínda que a foto da lebre queimada parece proceder (atención!) dunha captura dun vídeo de YouTube dunha patrulla de rescate animal no Perú. Por riba, este individuo, cando lle preguntaron de onde eran as fotos, contestou o seguinte:

Si, Litoral será a fabada caducada que comeu e que lle provocou a diarrea mental necesaria para empezar a difundir estas andrómenas nas redes sociais. Vese que o afán dalgúns por se converteren en ‘periodistas ciudadanos’ estáselles a ir das mans.

Resumindo: non creades todo o que vedes no Facebook. E, canto máis impactantes sexan as imaxes, máis probabilidade hai de que os feitos que se presentan sexan falsos ou estean descontextualizados. E evitar isto debería de ser o traballo de nós, os xornalistas. Eu xa puxen o meu gran de area esta primavera entre o alumnado da ESO e do Bacharelato de varios institutos do país. 🙂