Autor: Modesto

  • A culpa é vosa

    Resulta paradoxal que a xente que máis protesta pola deshecha (permítanme que traduza esa absurda diglosia de moita prensa galega, que escribe en castelán pero mete no medio palabras en galego porque el castellano es tan gallego como el gallego) urbanística é xustamente a que a promove. «¡Qué bonito que era el Son hasta que lo llenaron de edificios horribles que construyeron para que nosotros vivamos en ellos!»

  • The Déjà-Vu Channel

    Facendo zapping, por pura casualidade, puxen Popular TV e atopei o que, probabelmente, sexa un dos poucos programas que paga a pena ver desa canle: Fama. Sentín esa estarrecedora sensación de lembrar cada plano do episodio, que só vira unha vez, hai case 25 anos. Aínda que, daquela, os personaxes parecíanme vellísimos e, agora, parécenme novísimos -e un chisquiño pasados de moda, tamén-. Ala, un aplauso para a Conferencia Episcopal por rescatar estas cousas que tan boas lembranzas nos traen aos puriles.

  • Día gris

    Este é un deses días raros en Humidtown. 16 de agosto, San Roque (parabéns a Rocco Siffredi, que sabemos que é seguidor deste blogue). Non vai sol, así que todos os turistas con xenes hipertrofiados de réptil que non poden pasar as súas seis horas de rigor na praia, veñen a Humidtown a ver esa igrexa grande que sae nas moedas esas de poucos céntimos que dan de volta nos supermercados e que se acumulan e non sabes que facer con elas. E, como é festa local, veño de mercar unhas cantas bebidas non alcólicas do Opencor, un dos poucos estabelecementos abertos, e que ten os caixeiros máis rápidos a este lado do río dos Pecos (háblame de ti…), e que supoño que deben de almorzar, polo menos, un par de raktajinos ben cargados. Como festa que é, hoxe non me toca traballar. Convidáronme a ir á Coruña, ás Viñetas desde o Atlántico, pero creo que vou declinar (rosa, rosa, rosam, rosae, rosae, rosa…) o convite. Porque non son friqui da banda deseñada e non quero caer nesas perigosísimas redes, e porque este ano non toca Camela no Castrillón. E porque non vou ter tempo de abondo para percorrer todas as exposicións cómicas -dúas horas non chegan-. E hoxe é o día -a noite- dunha cea decisiva e polémica porque, saia o que saia de aí, vai haber protestas. Ao tempo. E, que vou facer, logo? Sobredose audiovisual, porque o tempo non está como para pasear…

  • Bye bye CHN

    Aínda que xa o dixera por aí -ou iso creo lembrar- as vindeiras Chuzanews, as 32, serán as derradeiras, definitivamente. E chegarán cando a situación o requira e teña tempo e ganas de facelas. Mentres, o blogue segue moi beta de Dios, pero vai avanzando.

  • Existe

    A Polo Ghit! 2007

    A que mola a nova camisola laranxa de A Polo Ghit 07?