Día gris

Este é un deses días raros en Humidtown. 16 de agosto, San Roque (parabéns a Rocco Siffredi, que sabemos que é seguidor deste blogue). Non vai sol, así que todos os turistas con xenes hipertrofiados de réptil que non poden pasar as súas seis horas de rigor na praia, veñen a Humidtown a ver esa igrexa grande que sae nas moedas esas de poucos céntimos que dan de volta nos supermercados e que se acumulan e non sabes que facer con elas. E, como é festa local, veño de mercar unhas cantas bebidas non alcólicas do Opencor, un dos poucos estabelecementos abertos, e que ten os caixeiros máis rápidos a este lado do río dos Pecos (háblame de ti…), e que supoño que deben de almorzar, polo menos, un par de raktajinos ben cargados. Como festa que é, hoxe non me toca traballar. Convidáronme a ir á Coruña, ás Viñetas desde o Atlántico, pero creo que vou declinar (rosa, rosa, rosam, rosae, rosae, rosa…) o convite. Porque non son friqui da banda deseñada e non quero caer nesas perigosísimas redes, e porque este ano non toca Camela no Castrillón. E porque non vou ter tempo de abondo para percorrer todas as exposicións cómicas -dúas horas non chegan-. E hoxe é o día -a noite- dunha cea decisiva e polémica porque, saia o que saia de aí, vai haber protestas. Ao tempo. E, que vou facer, logo? Sobredose audiovisual, porque o tempo non está como para pasear…

1 comentario

Deixar unha resposta Cancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.