Autor: Modesto

  • Charlas e concertos

    Pois si, o xoves, despois dunha frustración matinal coa sanidade pública, era o gran día. Pola tarde tocaba a charla sobre podcasts -que volverá haber o día 14, o meu aniversario, casualmente-. O vídeo está aquí, aínda que, non sei por que, véseme a min todo o tempo, e non a pantalla do ordenador cando debera. Malia que non estou moi satisfeito do resultado, porque estaba bastante nervioso, a xente di que estivo ben, e quen son eu para non crelos? Ademais, os meus compañeiros de mesa, Sak e Regueifeiro, eran de nivel e xa había algo de confianza con eles, así que contribuíron a que o resultado final fora mellor.

    Entre o non demasiado abondoso público estaba Moinante, co que pasei un bo anaco metablogueando, como é costume nestes encontros endogámicos. Á noite había un interesantísimo concerto, do que xa lerán a crónica proximamente, pero ata esa hora non tiña nada que facer nin ninguén con quen quedar. Sorte que Ifrit estaba disposto a me acompañar. Mentres ceabamos o habitual e falabamos dalgunha xente, apareceu unha simpática aínda que algo chivata blogueira, Caufield. Xa no Malas Pécoras, atopamos un concentradísimo Aluguer, que non apartaba a vista de El País, polo que tardou bastante en decatarse da nosa presenza, xusto cando chegou a estrela da noite, Snob. O local foise enchendo de diversos personaxes, entre os que tamén apareceron Moinante, Oko e Besbellinha, que estaba de aniversario, acompañada do seu señor Colombo -dígoo porque non o coñecía-. E como, por desgraza, algúns traballabamos o día seguinte, houbo que marchar nada máis rematar o concerto -ben, un pouco antes-. Fun con Oko ata o campus sur, onde atopara lugar para aparcar grazas á proverbial sorte de Moinante, e, polo camiño, aproveitamos para ter outra desas longas charlas endogámicas. Ela quedou no magosto antifeixista e eu voltei para a casa.

    Querían que contara algo máis? Pois, por agora, non. :-p

  • Mañá tócame

    Terei que falar sobre podcasts. Espero facelo, se podo, tan ben coma el:

  • Humidtown

    Non sei por que, no anteriormente-coñecido-como-blogomillo-e-agora-chamado-blogomorgue está moi estendida a denominación de Humidtown. Ben, si que o sei: porque no canto de aire hai auga, porque a chuvia é alí arte… O certo é que, despois de case unha década, volvo a esa cidade, e sinto unha sensación estraña, como se de repente rexuvenecera e volvera aos meus tempos de estudante.

  • Aprèn català amb La Sisena (II)

    Xa lle mandei un correo electrónico á Sexta para ver se amañan isto, que xa levamos un mes así.

    Vídeo

    Por suposto, isto é moitísimo máis importante ca as caralladas urbanísticas.