Autor: Modesto

  • Vaia semaniña (2)

    Moitísimos quilòmetros. Iso foi o que nos metemos -ademais de moita comida- onte en Casa Cándida, na gran papanza de Chuza. En total, asistimos once persoas -entre as que me inclúo- e puidemos gozar de gorentosos manxares. Aranha, Ascárida, Berto, Dorfun, Fer, Ghanito, Ifrit, Mourullo, Orsinia, Snob e mais eu chegamos en catro vehículos diferentes a Viveiró (Muras) sobre as dúas da tarde. Pero será mellor que vaiamos por partes.

    En marcha

    Quedamos ao mediodía en Compostela, onde puiden coñecer en vivo o que tan poucas persoas coñecen: o centro neurálxico de Chuza, do que non vou dar máis detalles para gardar a cláusula de confidencialidade. Nas rúas compostelás tamén puiden comprobar o meu dominio do inglés grazas a dúas turistas que preguntaban onde quedaba o río Sarela (momento Follow Me).

    Eu levei no coche a Ifrit e a Fer, e a banda sonora púxoa Extrarradio. Con Berto e Orsinia viaxaron Aranha e Snob -era o auto para fumadores-, dende A Coruña viaxou Ghanito con Mourullo e Ascárida -banda sonora de Phil Collins-, e Dorfun chegou dende Ferrol.

    Que bonita é a paisaxe

    A pesar de que ía seguindo a mazá de Apple do coche de Berto, cheguei nalgún momento a dubidar de ata onde iamos parar, porque o camiño era, máis que longo, complicado: zonas asfaltadas, zonas sen asfaltar, estradas estreitas, monte e aeroxeradores -é dicir, igualiño ca o Barbanza-.

    Por fin chegamos a Casa Cándida, aproximadamente á hora prevista. O día era soleado, sen unha soa nube, menos mal. O que xantamos xa o conta Ghanito, así que non vou caer en reiteracións, porque metabloguear é o puto peor. Ademais, el é sempre o máis rapido para estas cousas.

    Ao saír do restaurante -coido que fomos os que máis horas pasamos aló, quizais por iso nos agasallaron cun 11×10– e, despois de discutir sobre o que iamos facer e a onde iamos ir, Dorfun propuxo visitar unha fermosa paraxe «aí ao ladiño».

    O Caneiro

    Un fermoso merendeiro ás beiras do Eume, pero que non estaba tan «ao ladiño», senón na provincia lindeira, serviunos para ter conversas do máis endogámico, das que non debería dar demasiado detalle. O que si é certo é que alí había moitísimos cogomelos -tamén amanita muscaria– e mesmo flores de azafrán. Despois desta sobredose de bucolismo, caeu a noite, e decidimos que non ía haber chuzarrachí, porque algunha xente non se atopaba demasiado ben despois da enchenta -non vou precisar quen-, outros tiñan asuntos propios que resolver e, finalmente, dividímonos: uns para A Coruña e outros para Compostela -entre eles, eu, cos dous da ida máis Aranha e Snob, que marchou para Ogrobe, a saber para que-.

    Pero a historia rematou hoxe, cando Ifrit me avisou de que lle quedara o móbil no meu coche. Pero terá que agardar ata o martes para recuperalo. Non te preocupes, que está a salvo.

    Por certo, que, durante a nosa ausencia, os trolls aproveitaron para facer das súas. Son coma nenos.

  • Vaia semaniña (1)

    Non porque fora mala, precisamente.

    Todo comezou o mércores cunha minichuzarrachí en Compostela. Aproveitei que me atopaba na capital galega por motivos laborais para reunirme con dous chuceiros, primeiro, ifrit e, logo, tamén con Snob, para asistir ao concerto que daban na Sala Nasa, por este orde, Los Iribarnes, Samesugas e The Homens. Antes de todo iso, púidenme despedir de Cesare, que agora se atopa en terras do Norte.

    Na noite compostelá tamén nos acompañou un amigo de ifrit, Adrián (non sei se con ou sen agá), de Ogrobe -e non o único desa vila que se atopaba en Santiago DC aquela noite. De feito, a cidade estaba invadida, por unha parte, por mecos, e, por outra, por xente de Ferror.

    Y los Iribarnes cumplen su misión

    Non só os Iribarnes, senón tamén os Samesugas e The Homens, que fixeron caso ás peticións do público e, ao final, o baixista accedeu a contar un chiste. Non o vou reproducir aquí porque tampouco era a cousa como para escachar da risa, pero o importante é que foi o bastante riquiño como para compracer a audiencia. Velaquí un fragmento de Non podo máis, no que se pode aprezar a emoción dos espectadores.

    Vídeo

    Ogrobe vs Ferror

    Aínda que non houbo enfrontamento ningún, a xente que enchía Compostela dividíase a partes iguais entre as dúas entidades de poboación. Por parte arousá hai que salientar que coñecín a dous personaxes imprescindíbeis como Sabela Ogrobe e Zé Ogrobe, que non son irmáns. A primeira amosouse un tanto rabuda -a saber por que- e o segundo confesou a súa admiración polas Chuzanews. Por certo, que nos atopamos con eles en todos os sitios aos que iamos. Un saúdo para eles.

  • De volta

    Despois duns días fóra de circulación, volve coa mesma forza de sempre ModestoWeb. Por desgraza, os dous últimos posts e os comentarios recibidos despois do día 23 perdéronse. Se teño tempo -que supoño que si- recuperarei os primeiros, aínda que non poderá pasar o mesmo cos segundos. Mágoa.

  • A Galega, sen avisar

    Pois si. Dende hoxe, a TVG é a Galega, sen previo aviso.

    Un exemplo de como é a volta de publicidade e de como a programación segue sendo surfeira total. O que mola é ese breve «Televisión de Galicia» cando aparece o díptero.

  • O PTN definitivo

    Publicouse hoxe no BOE, e non se diferencia demasiado do que se adiantou aquí hai menos de dous meses.