Pirómanos das redes sociais

Velliña chorando polos lumes nas Fragas do Eume en 2012 - Internet

Como xa case todo o mundo sabe, esta semana en Porto do Son sufrimos unha serie de incendios provocados, que no momento de escribir este artigo aínda non foran extinguidos por completo, e que afectaron a máis de mil hectáreas de monte.

Ás perdas da biosfera, tanto vexetal como animal; á contaminación que fixo o aire irrespirable ao nivel de cidades como Beixín ou Madrid cando están cubertas pola ‘boina’ de smog; ao estrés causado ás persoas que viron como o lume ameazaba as súas casas, ou aos campistas que tiveron que ser desaloxados de dous cámpings cercados polas lapas; ao gasto que tivo que afrontar unha administración pública centrada nos recortes, no curtopracismo, e que, diante dunha situación imprevisible, se viu obrigada a gastar en efectivos de extinción de lumes moitos máis cartos dos que pretendía aforrar recortando en medidas de prevención, aínda que aproveitou para sacarse a foto de rigor… A todo isto témoslle que sumar as consecuencias doutro tipo de delincuentes, xa non no mundo real, senón no virtual.

Existe un perigo igual de malintencionado, pero que calcina a credibilidade das redes sociais e se ampara nos sentimentos da xente para crear viralidade con imaxes impactantes, espectaculares, fortes… pero descontextualizadas, contando mentiras ou medias verdades e facendo que a xente as estenda, facéndolle o traballo sucio ao perpetrador.

Así, estes días puidemos ver, sobre todo no Facebook, posiblemente a rede social con menos filtros éticos, señoras e señores, cousas como estas:

Esta arrepiante fotografía de cabalos calcinados quíxose facer pasar por actual, cando en realidade correspondía a feitos acontecidos hai 10 anos, noutro lume masivo na serra do Barbanza. Cando menos, o contexto coincide co que se nos quixo ‘vender’. Como veremos, a cousa seguiu dexenerando e empezaron a aparecer aberracións peores.

Velliña chorando polos lumes nas Fragas do Eume en 2012 – Internet

Estoutra fotografía dunha velliña chorando diante dunha paisaxe queimada tamén se nos quixo facer pasar como unha imaxe da comarca do Barbanza. Neste caso non fun capaz de atopar a orixe exacta desta obra tan impactante. Google Imaxes devolve resultados de páxinas digamos que de escasa credibilidade, aínda que todas coinciden en situar a fotografía nos lumes das Fragas do Eume, no ano 2012. Descoñezo a autoría desta imaxe, pero desde logo a persoa que a tirou merece un premio, sinceramente. Non podo dicir o mesmo de quen decidiu roubala e dedicarse a descontextualizala para que os usuarios de Facebook, de bo corazón e escaso senso crítico, a difundisen masivamente.

Actualización:

Pero esta mañá xa me atopei co colmo do descaro: este grupo de fotografías creado por un tal Juanjo Míguez.

Unha busca rápida en Google Imaxes devolve resultados de distintos lugares, maioritariamente de lumes na provincia de Córdoba, na Arxentina, aínda que a foto da lebre queimada parece proceder (atención!) dunha captura dun vídeo de YouTube dunha patrulla de rescate animal no Perú. Por riba, este individuo, cando lle preguntaron de onde eran as fotos, contestou o seguinte:

Si, Litoral será a fabada caducada que comeu e que lle provocou a diarrea mental necesaria para empezar a difundir estas andrómenas nas redes sociais. Vese que o afán dalgúns por se converteren en ‘periodistas ciudadanos’ estáselles a ir das mans.

Resumindo: non creades todo o que vedes no Facebook. E, canto máis impactantes sexan as imaxes, máis probabilidade hai de que os feitos que se presentan sexan falsos ou estean descontextualizados. E evitar isto debería de ser o traballo de nós, os xornalistas. Eu xa puxen o meu gran de area esta primavera entre o alumnado da ESO e do Bacharelato de varios institutos do país. 🙂

WTF Cifras e Letras

Usar o buscador de imaxes de Google para ilustrar unha información non é sempre moi recomendábel. Non hai máis que lembrar aquela mítica metedura de zoca que fixera La Voz de Galicia cunhas fotos dos Lunnis que levaban os corpos da familia real española (photoshoppeada pola raíña Sofía), e da que se fixera eco Xaime. Pois eu acabo de descubrir outra, non tan grave, pero tamén moi divertida:

Como se pode ver na imaxe (ampliábel clicando) Avelino González e Camila Bossa non son Jorge Mira e Yolanda Castaño, evidentemente. Pero, parece ser que para a Axencia Audiovisual Galega si que o son, porque esa captura da TVG que eu subín a Flickr ilustra a ficha do programa Cifras e Letras, o de verdade, o que presentan Yolanda Castaño Pereira e Francisco Lodeiro Gómez (tamén se pode facer clic para ampliar).

Que hora é?

Lembro, na miña infancia, que non existía aquilo das 13 horas, nin das 20 horas… algo que introduciu a televisión nos anos 80. Ao comezo, resultaba complicado facer o cálculo mental de que as 16 eran as catro da tarde. Pódese dicir que estabamos un pouco como os anglosaxóns, que seguen usando o seu método latino de AM e PM.

Pois ben, aquí podemos ver unha incomprensíbel mestura das 24 horas co AM/PM, ademais, ao revés, non sei se porque parece máis moderno ou algo:

Vexamos: se usamos o sistema AM/PM, as 0 horas non existen, porque son as 12 AM (é dicir, medianoite). Entón, de 0 a 12 AM significaría “de medianoite a medianoite”, non?

Publicada o
Categorizado como E-ratas Etiquetado como , , ,

Provlemas de havastesimiento

Un amigo blogueiro, do que non vou dicir o nome porque non sei se prefire permanecer no economato, pásame esta captura dun famoso xornal que nos demostra que é perfectamente compatíbel ser analfabeto e crer que ETA tivo algo que ver co 11-M. Ademais, sérveme para completar esta sorte de monográfico do apartado E-Ratas que fai que miles de persoas visiten este blog buscando fotos de ratas, e non as atopen. Ademais, o tema é de rabuda actualidade.

La Coz

Deixando de lado o indiscutíbel interese da nova, agora xa sei por que lle chaman La Coz de Galicia… polas patadas ao dicionario (da RAE). Estivo así toda a tarde de hoxe.

Publicada o
Categorizado como E-ratas Etiquetado como ,