Categoría: Friqueiradas

  • Minutos musicais

    Vénse de cumprir un ano dende o lanzamento de Qt4. Para celebralo, xa daquela, os seus programadores fixeron este incualificable vídeo musical, de melodía pegañenta e que se podía descargar dende a súa web. Dende hai un par de semanas está en Google Video.

  • Horror!

    Fixen este test e saíume isto:

    Unha de dúas: ou está confundido ou non contestei ben ás preguntas.

  • Spam brasileiro

    Como calquera webmaster de a pé, sufro a diario o incordio do spam. O blog énchese case que todos os días -algúns non, non sei por que- de comentarios e trackbacks lixo que ofertan todo tipo de medicamentos baratos (ou mellor dito, falsificados ou roubados no terceiro mundo, ou atraen simplemente a páxinas de phishing, vai ti saber). Nomes como xanax, propecia, levitra, phentermine, cialis ou meridia son o noso pan de cada día.

    Tamén está o que chega por correo electrónico, tamén con ofertas de reloxos, diplomas ou todo tipo de técnicas e aparellos para aumentar a potencia sexual. O estraño é que, aínda que case sempre chegan en inglés, a semana pasada recibín unha versión máis próxima á nosa realidade lingüística: o spam brasileiro.

    Non sei por que insisten tanto no tema. Como se algunha tivese queixa…

  • Cómo incrustar vídeos de YouTube no teu blog

    Como hai xente que ten problemas, explico cómo o fago eu. Con este código:

    <object type="application/x-shockwave-flash" data="http://www.youtube.com/v/ENDEREZO_DO_VÍDEO" width="425" height="350">
    <param name="movie" value="http://www.youtube.com/v/ENDEREZO_DO_VÍDEO"/>
    </object>

    Naturalmente, hai que cambiar ENDEREZO_DO_VÍDEO polo enderezo do vídeo. E así é un código 100% válido como XHTML.

    Nunca se debe usar <embed>, unha etiqueta que non se sabe moi ben quen inventou, pero que o World Wide Web Consortium non admite.

  • En galego si, pero…

    Antecedentes:

    1. A iniciativa galega polo software libre mancomun.org lanzou este mércores -en realidade, o martes- a versión traducida do OpenOffice.org 2.0
    2. Esta versión traducida pódese descargar en versións para Windows e GNU/Linux (en .rpm ou .deb)
    3. A empresa encargada desta localización foi Imaxin.
    4. Na web oficial de OpenOffice.org en galego aparece como responsable de manter a tradución Rubén da Silva.
    5. Nesa mesma web figura como última versión traducida ao galego a 1.1.5, feita polo proxecto Ceibe.
    6. Non atopo por ningures o código fonte do 2.0.2 en galego.
    7. Nin no ftp de OpenOffice.org nin nos seus mirrors se pode descargar esa versión en galego.
    8. Non hai paquetes personalizados desa versión en galego para ningunha distribución de GNU/Linux.

    Dúbidas:

    • O OpenOffice.org de mancomun.org é o auténtico e cumpre coa licenza LGPL?
    • Hai dous proxectos de tradución do OpenOffice.org ao galego paralelos?
    • Algún día sairá unha actualización do RPM en galego para Fedora Core 5 que conteña algo máis ca o dicionario de mínimos?

    Pode ser que esta lista se vexa aumentada.

    Engádega:

    Polo seu interese, reproduzo o comentario deixado por mancomun.org, aínda que me permitín a liberdade de borrar dous index.php/ do enderezo:

    Ola:

    Na propia páxina Web de descarga especifícase que, efectivamente cumpre coa licenza LGPL: http://www.mancomun.org/index.php/content/view/171/107/#licenza

    Non hai dous proxectos de localización paralelos. Tamén na páxina Web http://www.mancomun.org/index.php/content/view/171/107/#agradecementos agradécese explícitamente o traballo realizado ata agora polos traductores anteriores e polo coordinador oficial, con quen, por certo, xa se está en contacto para que colgue a localización na páxina Web oficial do OOo.

    Saúdos.