Día 14, 16 de agosto

Non, que ninguén se asuste. Non vou continuar coa fallida intención de seguir relatando día a día aquela viaxe (que, se me puxera nese plan, non acabaría nunca, e aburriría até as ovellas). O caso é que esta foto do vello Fulton Fish Market, ao que seica case ninguén lle tira instantáneas, foi seleccionada para a súa inclusión dentro da guía Schmap de Nova York, dentro da categoría de Food & Wine. e que se ve así nun iPhone. Sempre é recomendábel -a non ser que se sexa fotógrafo profesional e se queira vivir diso, por suposto- licenciar as imaxes baixo Creative Commons, e máis aínda se é CC-BY.

Fulton Fish Market

Día 4 (6 de agosto)

Por fin, o mércores, tocou Manhattan, por primeira vez. Manhattan ten ese aire, grandioso por unha banda, pero familiar e nada opresivo por outra. De feito, eu, e case todo o mundo, coñecemos mellor Nova York que, por exemplo, Lugo -agás os lugueses, claro. O que si só se ten despois de visitar NYC é a composición de lugar, o mapa mental que despois nos permite ver esa serie, ese filme, ese spot,e saber o lugar en que se desenvolve.

Aquel día chovera mooooito pola noite, así que era complicado achegarse dende Long Island até Manhattan por determinadas pontes. Polo tanto, houbo que entrar polo norte, por ese barrio tan coñecido -e polo que o ministerio de Asuntos Exteriores recomenda non circular de noite- que é Harlem. A pesar do seu nome de orixe neerlandesa, non está cheo de inmigrantes dese país europeo.

Por esa vía alternativa, chegamos a Chelsea Piers, onde estaba a traballar o meu padriño. A partir dese momento, a visita foi a pé, até o centro-centro: a Sétima Avenida e a arquifamosa Times Square, onde os meus curmáns me sacaron esta foto que se fixo tan famosa e da que podo asegurar que a raíña Sofía non manipulou con Photoshop.

Despois de cruzar tamén a moitas veces inxustamente esquecida Sexta Avenida, chegamos á auténtica milla de ouro do mundo: a Quinta Avenida, onde ademais de Tiffany’s tamén hai Zara e Mango, claro que si. E o Rockefeller Center, e a catedral de Naomh Pádraig (nótese a pedantaría). E, subindo a Quinta, chégase a Central Park, despois de pasar pola Apple Store, na que non entrei porque non son maqueiro nin wannabe-maqueiro.

Bordeando ese enorme parque pola Quinta acábase chegando a este museo, que estaba, como case todo, parcialmente en obras -e non todas as salas estaban abertas.

Si, nas súas escaleiras sentan as rapazas pighas de Gossip Girl. É curioso, tamén, que en vez dunha tique-entrada, danche esta especie de cracha-clip:

E, se queredes ver algunhas das obras de arte incluídas, e planos dos dous andares, velaquí esta galería:

[photoxhibit=1]

Día 3 (5 de agosto)

Atlantic City é un filme de Louis Malle. Atlantic City é tamén unha cidade da costa de New Jersey (ou Niuchese), chea de casinos, polo que lle chaman a Las Vegas da Costa Leste. E Atlantic City non forma parte dos típicos itinerarios turísticos de Nova York.

A verdade é que Atlantic City ten de todo: un paseo marítimo ao estilo dos que moitos concellos costeiros galegos fixeron despilfarrando fondos europeos, pero con máis glamour, praia ao ladiño e… moitísimos casinos, como xa dixen, divididos en temáticas: o casino ao estilo romano, ao estilo as mil e unha noites, ao estilo far west… Cando menos polo día están cheos de xubilados que peregrinan a Atlantic City a gastaren as pensións. As camareiras son máis novas, duns 50 anos aproximadamente.

Por certo, que, accidentalmente, unha camareira que pasaba ao meu pé deixou caer a bandexa e as bebidas que levaba nela… “You tricked me”, dixo. Pero eu non fun (ou si?). Despois xantamos nunha zona buffet, tamén chea de rapaces de ouro, cunha gran variedade de comidas e de sobremesas -tamén sen azucre, evidentemente.

Os casinos tamén teñen unha función social, con consellos para evitar a ludopatía, como este folletotríptico, Knowing When to Stop.