Día 2 (4 de agosto)

A verdade é que o segundo día, despois do tute da viaxe, dediqueino máis ben a explorar College Point, e coñecer as rúas, as avenidas, as tendas, os restaurantes e os parques. Non saquei apenas fotos da zona, porque, como xa todo o mundo sabe, o Google Street View permítenos facer unha viaxe virtual en coche por practicamente todas as rúas de Nova York, e de moitos outros lugares do mundo civilizado (e tamén de Vigo).

Esta foto está sacada, días despois, dende o MacNeil Park, onde hai vistas ao Bronx -e ao Whitestone Bridge-, a Manhattan, a Rikers Island e ao aeroporto de Laguardia.

Día 1 (3 de agosto)

Ben, aquí comeza a crónica da viaxe a Nova York que todo o mundo estaba a agardar (e xa pensaba que non ía redactar). O primeiro día o único que pasou foi… a viaxe. Tres voos en total, Compostela Lavacolla-Madrid Barajas, Madrid Barajas-Londres Heathrow e Londres Heathrow-Nova York Kennedy (que alí ninguén chama JFK como Lavacolla non é SCQ). O que máis medo me daba, de principio, era o enlace en Londres, porque tiña que cambiar de terminal (da 2 á 3) e non sabía se me daría tempo, se serían moi pesados cos controis de seguridade… Ao final, absolutamente ningún problema.

A saída foi dende Lavacolla, con Iberia. Como é habitual en min, cheguei con moitísima antelación, así que pasei un bo tempo na zona de saídas, onde comprobei que hai conexións aínda máis raras ca a miña, como Compostela-Madrid-Barcelona-Zurich (habendo Compostela-Zurich, pero a saber con que frecuencia e a que prezos), ou que os turistas cataláns son exactamente igual ca os españois: ruidosos, irrespectuosos cos demais, fumadores… pero catalanfalantes.

Xa chegado a Barajas, á famosa T4, comprobei o que volvería sufrir á volta: que non sabes a porta de embarque que che vai tocar até cinco minutos antes da hora de embarcar. Por sorte, tocoume saír exactamente pola mesma que entrara. E os prezos son carísimos, tanto que Manhattan case me pareceu barato, en comparación. Moita calor en Madrid a comezos de agosto, por certo, pero só se notaba ao pasar polo finger. Bendito ar condicionado. Si, hai moita xente que o odia, pero… que vaia a Nova York, a ver o que di despois.

Despois, a chegada a Londres -ben, a Heathrow-, onde chovía intensamente. O aeroporto non é precisamente bonito. Máis ben, daba a impresión de ser o decorado dalgunha serie de ciencia-ficción británica dos anos 70-80, con tantas reixas e escaleiras metálicas polo exterior. Como tiña dúas horas escasas de tempo para cambiar da terminal 2 (Iberia) á 3 (American Airlines), fixen o percorrido a toda marcha e sen dubidar -está todo claramente indicado, con eses carteis de cor maxenta de Flight Connections-. Mesmo fun á porta correcta -International Flights-, onde, por se acaso, estaba un señor negro preguntando “Where to?”. Collín o bus, onde che poñen uns vídeos educativos sobre o control de seguridade mentres che entra un pouco de terror cando ves como o vehículo colle as rotondas pola esquerda. Non tiven problemas en pasar ese control, ao contrario ca unhas rapazas norueguesas que tiña diante (seino polo pasaporte ;)), ás que lles pitou o detector de metais. Levarían piercings ou algo. Despois, xa chegado á zona de saídas da T3, non se me ocorreu mellor cousa que ir xá á porta 13, despois do control de pasaportes… Para ir ao baño -a onde non fora no momento axeitado- había que deixar o pasaporte, e ao volver poñíanche unha marquiña na listaxe de pasaxeiros -como sospeitoso de drogarse/recoller armas ou o que fose na restroom (onde non se descansa, senón que se fan as necesidades intrínsecas do ser biolóxico).

Mentres a carón miña uns mozos se escarallaban cun episodio de Family Guy que estaban a ver no portátil, chegaron os pilotos do avión, que tiñan un pouco pinta de Benny Hill ou de Leslie Nielsen, non sei exactamente. Xa no interior, cando chamaron aos do grupo 3, no que estaba eu, despois de nenos, impedidos, primeira clase e business, comprobei que tiñan pantalla individual cunha chea de xogos, música e filmes en varios idiomas, aínda que o máis divertido sempre é o itinerario de voo.

Aínda que eu sempre pedín fiestra (e sempre me tocou unha marabillosa vista da á), no voo Londres-Nova York tiven que cambiarllo -sen ningún problema pola miña parte- a unha parella española (tamén me viron o pasaporte) á que lle tocara o corredor de por medio, e, claro. Despois sentín momentos de inseguridade ao ver que o avión tiraba para o norte e atravesaba Manchester, a Illa de Man, Ulster, Donegal e se achegaba primeiro a Islandia e despois a Groenlandia… Pero ao final non fun ao país de Björk e de Cocktail Vomit (aínda que estaría ben). Non lamentei perder as marabillosas vistas de nubes -e nada de terra nin mar- pola fiestra.

Xa chegado a Nova York, a iso das once da noite, tocaba o último obstáculo: inmigración e alfándegas. No avión xa che dan as tarxetiñas correspondentes: unha branca e a outra verde, aínda que eu tardei un tempo en decatarme de que as tiña que cubrir -e pedilas-. Por sorte, a parella española tiña un bolígrafo -eu non-, e cubrín todos os datos: lugar onde ía residir, se estivera en contacto con animais de granxa, o valor que tiña o que levaba na maleta… cousas normais. Como todo o mundo debe saber, hai que poñer “$0” e cubrir “NON” en todas as casas de preguntas para superar a proba. Unha vez chegado á zona de inmigración, tomáronme as pegadas dactilares, tiráronme unha foto -quedei fichado- e déronme o visado, non sen antes me preguntar canto tempo ía pasar. En teoría, os cidadáns da UE non precisan visado para entrar nos EUA, na práctica non o necesitan antes, pero si que che dan por tres meses -xa me gustaría ter podido pasar todo ese tempo-. Despois dese trámite lixeiramente estresante, pasei a recoller a maleta, que apareceu axiña, e xa atravesei a porta, onde me agardaban os meus padriños. Despois, atravesei Queens de noite e cheguei á casa, onde comprobei que os mosquitos me adoran o mesmo aos dous lados do Atlántico. Pero iso xa é outra historia…

Up next…

Que poucas ganiñas hai de escribir… pero teño que facelo. Non vaia ser que alguén diga que estoutro blog está mellor. Faltaría!

E con moita máis graza.

Velaquí un paseo en coche pola 5ª Avenida, para que logo digan que hai moito tráfico en Manhattan.

Nova York

Si, como xa sabe [case] todo o mundo, pasei todo o que xa transcorreu do mes de agosto en Nova York. Como non dispuxen de conexión estábel -e quería estar un pouco afastado da internet, tamén-, publicarei aquí a crónica en diferido. Do primeiro día non hai moito que contar… pero será na seguinte entrada, pois as viaxes sempre teñen anécdotas e tal. No Flickr -como se pode ver á dereita- xa vou subindo algunhas fotos, para a xente que teña máis urxencia en ver cousas.