Politicavisión

Esta columna foi publicada na sección Ás ceibas do número 31 da Revista Luzes, en xuño de 2016. Con esta entrada, comeza a redifusión neste blog das miñas colaboracións noutros medios.

Un dos mantras máis repetidos polo movemento cuñadista arredor do Festival de Eurovisión volveuse certo este ano. Aínda que os eurofáns sempre se encargaron de desmentir o cliché, o certo é que a edición do 2016 do certame foi unha das máis tocadas pola ‘política’, para desgraza da Unión Europea de Radiodifusión (UER), que organiza o evento.

Poucos días antes da celebración da eurofesta deste ano, que tivo lugar en Estocolmo, usuarios das redes sociais descubriron con estupor que nas normas do concurso se prohibía a exhibición de bandeiras non ‘nacionais’ entre o público, coa única excepción da bandeira do arco da vella. E, aínda por riba, no documento de exemplo publicado pola televisión pública sueca, a SVT, aparecían bandeiras como a do Estado Islámico ou… a ikurriña vasca.

As reaccións non se fixeron agardar. Tanto o goberno vasco coma o español tomaron accións diplomáticas para que se corrixise o desagravio, que rematou, felizmente, coas desculpas da SVT, que retirou a bandeira vasca do documento de exemplo. Aínda así, a norma seguiu vixente. Resulta paradoxal que, semanas despois, fose o mesmo goberno español o que tentou prohibir que se exhibisen esteladas catalás na final da copa do rei de fútbol. Pero… esa é outra historia.

Como mostra do pouco caso que se lle fai á norma en Eurovisión, entre o público seguíronse a ver bandeiras non ‘nacionais’. E, aínda peor: a participante de Armenia, Iveta Mukuchyan, durante as votacións da primeira semiifinal, atreveuse a exhibir unha bandeira das explicitamente prohibidas pola organización: a de Nagorno-Karabakh, encrave de maioría armenia en territorio de Acerbaixán, e fonte de conflito entre os dous países. A UER anunciou sancións contra a televisión caucásica.

Deixando de lado as bandeiras, do que sempre se acusou de ‘politiqueo’ ao Festival de Eurovisión foi na repartición de votos entre países. Tradicionalmente, os veciños dábanse entre eles o maior número de puntos posible, levasen a canción que levasenm facendo das votacións un momento entre previsible e delirante. Pero este ano, paradoxalmente, non foi así.

Rusia partía como favorita. Enviou un dos seus cantantes máis populares, Sergey Lazarev, cunha canción e un espectáculo visual con todas as de gañar, como así o reflectiron as casas de apostas, maiormente británicas.

Á hora de facer públicos os resultados, por primeira vez, ofrecéronse por separados os puntos dos xurados e os outorgados pola audiencia. Nun primeiro momento, a suma dos votos dos diferentes expertos de cada televisión participante deulle a vitoria á canción de Australia -si, Australia participa desde o 2015, grazas a que é un país onde se segue Eurovisión con enorme atención desde hai un par de décadas.

Pero, cando chegou a hora de sumar os votos do público, a balanza decantouse por Ucraína, que presentou un polémico, triste e pouco festivaleiro tema sobre a deportación dos tártaros de Crimea en 1944 por parte da Unión Soviética, que os acusara de colaboraren cos nazis.

Rusia tomou a vitoria de Ucraína como unha agresión nacional, e tentou por todos os medios anular a participación ucraína. Primeiro, argumentou que a canción trataba un tema político, prohibido no festival, ao atopar paralelismos coa actual ocupación rusa de Crimea. Despois, destapando que o tema se fixera público meses antes do prazo que permite a organización. A resposta da UER foi, outra vez, negativa, por considerar que a difusión da canción fora mínima.

O que si podemos sospeitar, amaños políticos á parte, é que parece que houbo un masivo apoio a Ucraína por parte do público antirruso. Tanto os países ‘inimigos’ do goberno de Putin como a comunidade LGBT, gran seareira do festival e oposta ás políticas homófobas de Rusia, puideron ver na ‘indirecta’ ucraína unha oportunidade de amosar o seu voto de castigo.

Ata maio de 2017 aínda poden pasar moitas cousas, pero non sería de estrañar un boicot de Rusia e dos seus aliados musicais. E será o regreso de Portugal!

Suecia vai gañar outra vez Eurovisión?

Se as apostas non fallan desta volta, Suecia volverá gañar o Festival de Eurovisión o 23 de maio. Måns Zelmerlöw volvería, así, con Heroes, repetir o éxito de Loreen 3 anos despois. Este foi o seu segundo ensaio, calcado da actuación no Melodifestivalen -como fan sempre os representantes suecos-, aínda que tivo que mudar os bonecos da proxección porque llos copiara un pouco a David Guetta.

Continuar lendo “Suecia vai gañar outra vez Eurovisión?”

Os tres tenores divos de Italia a Eurovisión

Eurovisión

Xa falta menos para Eurovisión 2015, e, a piques de rematar o repaso ás cancións favoritas, chegamos á segunda. Trátase do trío italiano de tenores-divos, Il Volo, que co seu Grande amore aspiran a levar o premio a Italia. De feito, nos últimos días estanse a achegar perigosamente ao principal favorito, que veremos nun próximo artigo.

Non se inspiraron en Ghost nin nada.

Como empeza a ser xa tradicional nas participacións de Italia no ESC, estes rapaces foron os gañadores da última edición do festival de San Remo.

Eurovisión en Australia: down under

Eurovisión

O 23 de maio, véspera das eleccións municipais, vai ter lugar en Viena a final do Festival de Eurovisión 2015. Unha das principais novidades deste ano do Eurovision Song Contest é que vai participar, por primeira vez, un país un pouco afastado de Europa. E non falo de repúblicas centroasiáticas, senón de Australia.

Eurovisión

Os motivos para convidar a Australia son varios: a súa confusión de nome con Austria, o feito de que é un país con tradición eurovisiva xa de vello –lembremos A voda de Muriel e a súa devoción por ABBA— ou a típica escusa de que é o 60 aniversario de Eurovisión e hai que facer algo novo.

Pois ben, os australianos, que aínda por riba de teren asegurada a praza na final, tamén van poder votar nas dúas semifinais, decidiron levar a Guy Sebastian, gañador de Australian Idol 2001, cunha canción que xa está na parte máis alta das casas de poxas e que de seguro vai acadar bo lugar na clasificación final, con Tonight Again. A min gústame.

Pero que non se asuste ninguén. Se Australia gaña, o festival de Eurovisión do ano 2016 non se vai mudar ás antípodas, senón que a canle organizadora, a SBS, escollerá en que lugar de Europa se celebrará. E tamén terá a honra de volver participar por segundo ano consecutivo.