Invasión galega

Pois si. Por fin, mañá estréase na galega a serie Invasión, que xa se comentou aquí o pasado mes de setembro, cando se estreou nos EUA. Unha serie de ciencia-ficción moi interesante, que se emitía os mércores á noite na ABC, xusto despois de Perdidos, e que por desgraza non pasou da primeira temporada por falta de audiencia. Eu seguíaa cada semana -cando se emitía, que os americanos son moi raros facendo descansos e colocando reposicións-, ás veces en versión orixinal sen subtítulos e ás veces lexendada en portugués do Brasil -moitos seguidores brasileiros tiña a serie-, ás veces en inglés e, menos, en castelán. Agora poderémola escoitar en galego, os xoves á noite, e parece ser que con dous episodios seguidos de cada vez, polo que durará once semanas (son 22 capítulos). Algo raro pasa cos habitantes de Homestead (Florida) despois do furacán…

Por certo, que se podía ler o blog de Dave -un dos personaxes, o friki da familia-, que podería supoñer un enorme spoiler, pero agora non se permite a entrada sen contrasinal.

O primeiro episodio remata así -e non estrago nada poñendo esta imaxe:

Engádega: A sinopse que ofrece hoxe La Voz non ten desperdicio -espero que non a fixese ningún/ha redactor/a de prácticas-: non lle atopei nada de escatolóxico, non vin ningunha nave extraterrestre nos 22 episodios dos que consta, nin ningún dos seus tripulantes, nin hai ningunha abdución, nin a serie «acadou un forte éxito no seu país». En fin, como diría Cayetana Guillén Cuervo, «disfrútenla».

4 comentarios

  1. Eu gusto moi da serie. Iso si, coido que dende La Voz a confundiron con V, porque o argumento que dan non ten absolutamente nada que ver coa serie, xa que nin sequera se sabe nada de extraterrestres na mesma (só se supón que é así porque a serie parece inspirada na Invasión dos Ultracorpos).
    Iso si, teño moito medo do final da serie, porque a produtora cancelou a segunda tempada como tal por problemas de custos (a serie resulta moi cara) ó igual que tamén pasa con Surface. Ambas series están agora á espera de saberse se sairán coma miniseries ou películas para rematar dignamente, porque iso de deixar unha serie colgada é unha putada para os seguidores.

  2. Xa, a serie ten unha primeira tempada digna, non coma Perdidos (Lost) que remata dun xeito moi miserable, xa que a xente contaba cunha serie limitada e ata hai pouco non nos enteramos que a idea que teñen agora é solventar o misterio da illa na terceira tempada e manter a serie ata unha quinta.
    O caso de Surface é moito peor, xa que a segunda tempada custaría moitísimos cartos (o que queda evidente ó ver o final da primeira) e agora téñeno fastidiado para darlle un final que contente ós seguidores. Coido que La Sexta vai volver a botar a serie, así que os que non a viran deberían darlle unha oportunidade (tarda en enganchar).

Deixar unha respostaCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.