Pois si. Por fin, mañá estréase na galega a serie Invasión, que xa se comentou aquí o pasado mes de setembro, cando se estreou nos EUA. Unha serie de ciencia-ficción moi interesante, que se emitía os mércores á noite na ABC, xusto despois de Perdidos, e que por desgraza non pasou da primeira temporada por falta de audiencia. Eu seguíaa cada semana -cando se emitía, que os americanos son moi raros facendo descansos e colocando reposicións-, ás veces en versión orixinal sen subtítulos e ás veces lexendada en portugués do Brasil -moitos seguidores brasileiros tiña a serie-, ás veces en inglés e, menos, en castelán. Agora poderémola escoitar en galego, os xoves á noite, e parece ser que con dous episodios seguidos de cada vez, polo que durará once semanas (son 22 capítulos). Algo raro pasa cos habitantes de Homestead (Florida) despois do furacán…
Por certo, que se podía ler o blog de Dave -un dos personaxes, o friki da familia-, que podería supoñer un enorme spoiler, pero agora non se permite a entrada sen contrasinal.
O primeiro episodio remata así -e non estrago nada poñendo esta imaxe:
Engádega: A sinopse que ofrece hoxe La Voz non ten desperdicio -espero que non a fixese ningún/ha redactor/a de prácticas-: non lle atopei nada de escatolóxico, non vin ningunha nave extraterrestre nos 22 episodios dos que consta, nin ningún dos seus tripulantes, nin hai ningunha abdución, nin a serie «acadou un forte éxito no seu país». En fin, como diría Cayetana Guillén Cuervo, «disfrútenla».
Deixa unha respostaCancelar a resposta