Onte celebrouse a primeira chuzaexcursión á cidade d’A Coruña e que contou coa inestimable participación dunha ducia aproximada de chuceiros que o pasaron en grande durante a tarde e a noite -e algúns, tamén, da madrugada-. Isto foi o que aconteceu, contado en orde cronolóxica e evitando a inefable pirámide invertida:
Thereminator
Despois dun esgotador periplo polas máis pronunciadas costas arriba coruñesas, reuninme a carón da Casa das Ciencias con Ascárida, Snob, Nemtele, Ifrit, Ghanito, Mourullo, Marcus, Berto, María e Fer -quen, por certo, non se apuntara na wiki, polo que foi unha incorporación de última hora, aínda que necesaria para darlle a nota científica á tarde-.
Diante da disimulada expresión de abraio da monitora-guía-vixilante, os devanditos individuos dispuxémonos a executar -literalmente- dous theremins e diversos instrumentos de percusión no que pode supoñer a maior performance musical friki da recente historia galega. Os theremins emitían berros de dor, pouco afeitos ás nosas mans, e é que son necesarios moitos anos de práctica para conseguir interpretar, digamos, Parabéns para ti.
Á saída probamos a mover esa bóla de 1.500 quilos que demostra non sei exactamente o que, pero que nos explicou convenientemente Fer, o Jorge Mira do futuro. Que ten esa bóla que a todo o mundo lle mola? E, ademais, salpica.
Viñetas dende o Atlántico
O acontecemento cultural continuou polos locais coruñeses nos que se atopaban esparexidas as exposicións do IX salón internacional de banda deseñada (si, este ano non hai páxina web). A primeira parada ía ser o COAG, pero houbo que agardar ata que abrira vendo tranquilamente Poltergeist nunha cafetaría. «Xa chegaron!»
No COAG estaba a mostra sobre a arquitectura no cómic. Dende alí fomos ata a Casa da Cultura Salvador de Madariaga, máis coñecida por ser a sede do CGAI, outro lugar de encontro chuceiro, e de alí fixemos unha pequena paréntese cómica para ir a un dos cinco lugares.
Vertixe (de entre os mortos)
Vertixe pola que eu teño ao ir en ascensores transparentes que teñen unha porta cara ao lado contrario e o dos mortos, claro, pola noiva cadáver. A mostra sobre o making-of (que non sei por que todo o mundo escribe con dous efes) do filme de Tim Burton puidémola admirar na sede da Fundación Caixa Galicia. Como no resto das exposicións, fotos no. Alí foi onde nos reunimos con Dorfun, que non puido partipar na parte musical da xornada.
Dende alí fomos xa ata Palexco, para seguir coa ruta cómica, sen faltar, por suposto, os momentos frikis coas estatuas a tamaño sobrenatural de heroes da banda deseñada como Hellboy, Clara de Noche ou Martínez el Facha.
Momento antifriki
Logo, nos postos da feira do cómic en si, decateime de que son o menos bandadeseñadafriki de todos os que nos congregamos alí, e non me custou en absoluto resistir a tentación de mercar todo o que atopabamos por diante. A carne doutros foi máis feble, lamentablemente para eles mesmos.
Alí foi onde fixo aparición Nuria, a moza de Nemtele, e da que só podo ter boas palabras, tanto por proximidade xeográfica como por corporativismo. Despois fomos todos cear a El Puerto (de La Coruña), onde cadaquén fixo a súa propia elección, aínda que se volveu repetir a que xa se está a converter en tradición, a movida kebab.
Si buscas a Camela la encontrarás
E estaba no Castrillón, o centro neurálxico d’A Coruña, ou non. A praza de Pablo Iglesias estaba ateigada e só puidemos presenciar o espectáculo dende un lateral. Ademais, chegamos con el xa comezado e non todos sabiamos a letra de todas as cancións, pero iso era o de menos: Camela son irrepetibles e o marco incomparábel tamén. Ademais, eles foron os culpables de que a chuzaexcursión se celebrara nesa data para a Historia: o 17 de agosto.
All night long
Ao final, o all night long só foi para os cinco valentes -«golfos», segundo Ghanito-, pois o resto da xente se tivo que retirar por algún ou outro motivo, sempre xustificado. Só houbo tres paradas, no entanto. Á primeira acompañáronnos Nemtele e Nuria, pero despois tivemos que seguir sós Ascárida, Snob, Ifrit, Mourullo e mais quen lles escribe isto.
A ruta atopábase dentro do itinerario previsto, pero algúns locais caeron da lista. Comezamos polo Bathory, onde pasamos un bo anaco; seguimos no Desquite -pouco tempo estivemos alí, porque o ambiente non era tan favorable como noutras veces e Snob non parecía moi partidario de quedar. A movida rematou no Patachim, que pechou connosco e cuxo DJ atendeu amabelmente as nosas peticións de música absolutamente friki. Todos coincidimos en que hai que convidalo ao Extrarradio xa.
Unha noite de moitísimos diálogos metachuceiros dos que non vou desvelar ningún detalle porque hai moito lurker solto por aí, e que se completou nunha praza próxima onde hai unha perruquería cuxo nombre non lembro, pero que queda preto da rúa Alcalde Folla Yordi.
E coido que con isto xa é suficiente, que non quero facer posts de máis de cen liñas. Despois diso voltamos á casa, xa de mañá, e aproveitamos o traxecto en tren para falar de diversos temas moi interesantes que non se poden expoñer aquí. Cal será a próxima chuzaexcursión? Iso depende de vostedes.
que bien me cantas las de Camela, Modestiño
A próxima vémonos “en la sonrisa de un niño” ou en calquera lado, tanto ten.
no sabia que mi calle era reclamo turistico