GAL

Como estaba anunciado, onte asistimos en Compostela a un pase do filme GAL, nunha acción perpetrada conscientemente como alternativa a Cineuropa en pleno Día da Dignidade.

Lost in Starvation

Snob e mais eu quedamos na estación do tren de DC para recoller a Mourullo, que viña dende A Coruña. O tren chegou á súa hora, eu tamén, pero Snob, non; así que tivemos que agardar uns minutiños por el (non moito). Pero as esperas non remataron aí. Tiñamos previsto xantar no restaurante xaponés, pero, curiosamente, pecha os domingos, así que tivemos que procurar outro lugar para comer.

Quizais moitos hostaleiros composteláns estaban avisados da nosa excursión, polo que todos os lugares nos que pretendiamos recuperar forzas aparecían, un detrás do outro, pechados. No noso percorrido atravesando Compostela pasamos por este cada vez máis famoso lugar:

Desta vez, a novidade é que unha tal Lore decidiu poñer o seu nome con letras fosforitas a carón do grafito de Yolanda Castaño. Afán de notoriedade? O que si teño claro é que non lle vou sacar unha foto a esa parede cada vez que pase por alí, que a partir de agora vou ter máis probabilidades de frecuentar o lugar.

Finalmente, e xa con moitísima fame, acabamos na rúa do Franco, onde, por fin, xantamos -moi ben, por certo- neste restaurante, onde nos atenderon marabillosamente e mesmo puidemos experimentar nos nosos estómagos o tag:cabra.

Ao rematar de xantar, uníusenos Postscriptum, que tamén devecía por ver esa grande obra mestra da comedia española: GAL. Acudimos á sesión das cinco e media dos multicines Valle-Inclán. Aínda que o escarallante filme se proxectaba na sala 1, a min déronme unha entrada para a 4. Por que? Nin idea.

Mundo… ficción?

A sala non se atopaba demasiado chea, polo que o resto do público puido percibir con claridade as gargalladas que soltamos nos momentos culminantes da proxección. Sen dúbida, a estrela foi Jordi Mollà, coa súa interpretación de Paco Ariza, un trasunto de José Amedo pasado de rosca e que en moitos momentos facía lembrar máis ben a Torrente. Aínda que non é cuestión de destripar aquí a película, o certo é que foi digno de lembrar o videoclip-orxía de sangue, pólvora e explosións perfectamente efectuadas polo equipo de Reyes Abades ao ritmo do Bang, bang de Iggy Pop. Tamén sae o doutor Vilches facendo do doutor Vilches rebautizado como Carlos Peinado. De todos os xeitos, o bo da película é Pablojota Codina, quen senón? Aínda que os nomes foron modificados ou directamente suprimidos -suponse que para evitar problemas legais- só se conservaron dous: Diario 16 e El Mundo. De todos os xeitos, xa o pon ben claro ao comezo: é ficción.

Metabloguear é LPP

Cando saímos xa escurecera e dedicamos o resto do tempo a percorrer cafetarías da zona vella e nova, coa condición -non posta por min, naturalmente- de que se puidese fumar. Como vén sendo tradicional neste tipo de quedadas, desveláronse algúns asuntos que non se poden facer públicos ata que non chegue o momento, falouse doutras persoas que non se podían defender e todo o habitual. Por desgraza, non puidemos estar, ao final, con Orsinia e Berto, que se apuntaran a participar na excursión, nin con Fer, que dixo que si pero logo non porque estaba moi ocupado. Xa haberá outras oportunidades. O único que se pode contar do que por alí se falou é que, despois das polémicas xurdidas sobre se o blogomillo desaparecía e, visto que esa denominación non era demasiado afortunada, optouse por propoñer o termo blogomorgue, moito máis gótico e actual.

Máis se perdeu en Cuba

A iso das dez e media chegou o momento das despedidas. Acompañamos a Mourullo á estación e logo marchamos cada un polo noso lado. Por consello de Snob e Postscriptum, volvin á casa escoitando na radio do coche a inimitábel tertulia de Radio Intereconomía. Sorte que ao chegar ao concello de Lousame é interferida pola Radio Galega. Para rematar, unha instantánea do adeus na estación, moi ao estilo Ghanito.

4 comentarios

Deixar unha resposta Cancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.