
Autor: Modesto
-
Cataláns, vascos e galegos, os menos identificados coa selección española
Os datos de audiencia do partido de fútbol que enfrontou onte as seleccións de España e Tunisia non deixan lugar para as dúbidas:
SHARE CUATRO LA SEXTA TOTAL CAT 39,1% 12,2% 51,3% EUS 38,6% 18,2% 56,8% GAL 43,3% 16,4% 59,7% No resto das comunidades autónomas superouse o 60% de share. Fonte: Fórmulatv.com.
Tamén hai outras posibles interpretacións, como que somos menos futboleiros ca o resto dos cidadáns españois. Aínda que eu, persoalmente, me inclúo no grupo dos que non sentimos a mínima emoción escoitando himnos de reminisciencias neofascistas como «A por ellos», «Romper gargantas hasta sangrar» e barrabasadas semellantes, non creo que sexa a nota predominante entre os galegos.
Si: non vin o partido nin teño pensado ver ningún, vale?
Engádega: Como xa empezo a ver os comentarios que chegan, teño que confesar que a selección galega tampouco me «pon».
-
Somos unha potenzia (ou case)
A estrea do late show presentado por Carlos Blanco tivo uns resultados non demasiado malos: un 10,7%.
O programa gustoume, pero aínda é un pouco cedo para sacar conclusións. Non se debe comparar con Sitio Distinto, por moito que Reixa estea de produtor executivo e Blanco participase naquela experiencia pioneira, nin coa Máxima Audiencia de Manquiña, pero é un intento digno de facer un late night show autóctono e diferente a toda a programación centralista das outras canles, tanto se o centralismo vén de Madrid como de Barcelona.
(E fágolles un pouco de publicidade porque teñen unha sección na que comentan blogs, así que… a ver se cae algo).
Previamente estreouse a serie francesa Dolmen, cun share do 9,9. Consta de seis episodios e ten unha fotografía impresionante, por non falar do misterio ou da súa actriz protagonista, Ingrid Chauvin. Algo moi diferente do que estamos afeitos a ver, e máis se a comparamos coa outra cara da moeda: CSI. En Francia foi un éxito, pero aquí é de supoñer que non será tanto. A vindeira semana terase que enfrontar con España–Tunisia.
Tanto se a audiencia acompaña como se non, haille que agradecer á televisión autonómica que arrisque e aposte por novos espazos, en lugar de repetir unha e outra vez as mesmas series e programas.
-
Spam brasileiro
Como calquera webmaster de a pé, sufro a diario o incordio do spam. O blog énchese case que todos os días -algúns non, non sei por que- de comentarios e trackbacks lixo que ofertan todo tipo de medicamentos baratos (ou mellor dito, falsificados ou roubados no terceiro mundo, ou atraen simplemente a páxinas de phishing, vai ti saber). Nomes como xanax, propecia, levitra, phentermine, cialis ou meridia son o noso pan de cada día.
Tamén está o que chega por correo electrónico, tamén con ofertas de reloxos, diplomas ou todo tipo de técnicas e aparellos para aumentar a potencia sexual. O estraño é que, aínda que case sempre chegan en inglés, a semana pasada recibín unha versión máis próxima á nosa realidade lingüística: o spam brasileiro.
Non sei por que insisten tanto no tema. Como se algunha tivese queixa…
-
Situación lamentable
Grazas a un comentario que recibín esta mesma mañá, descubrín a existencia dun blog titulado Situación lamentable de la CRTVG, que, curiosamente, se centra unica e exclusivamente -de xeito case obsesivo- na situación da súa páxina web e teletexto, o que me fai pensar que o seu responsable pode ser unha desas 14 persoas despedidas o pasado outono.
A última crítica vai para o A polo ghit!, cualificado de «extremo de mediocridad».
Aínda é un pouco cedo para analizar máis polo miúdo este blog e ver se realmente o que pretende é ofrecer críticas construtivas para conseguir uns medios de comunicación públicos de calidade. Está escrito en castelán e conta con abondosas capturas de pantalla moi ilustrativas.
Por certo. Os IPs que comezan por 85.91 son da Xunta, non?