2012

A ver se este ano 2012 que comeza supón un rexurdimento da prensa en galego, despois dos peches acontecidos a partir de 2010. Polo de pronto, parece que están a ser un éxito as peticións de apoio levadas a cabo pola plataforma Vitaminas para o galego ou a de Sermos Galiza, co que moi pronto contaremos con novos medios, como é o caso de Praza Pública. Está en marcha dende hai pouco Tempos Dixital, a versión en liña de Tempos Novos. E xa nun eido non estritamente informativo, tampouco podemos esquecer o traballo dos compañeiros de Letra en Obras.

E agora poño este vídeo porque está relacionado. Ou non.

[flash http://www.youtube.com/watch?v=byJXzdJMXf4]

Actualización: E, efectivamente, como apunta Basilio Jr. tamén imos ter este ano un refrescante Dioivo, co que vai ser un auténtico dioivo de novidades na internet galega. Velaquí un dos adiantos cos que nos van agasallando.

[flash http://www.youtube.com/watch?v=80bLJNWPYtU]

Trending topics

Para estrear este blog no ano 2011, que xa era hora, inclúo este vídeo que se converteu nun dos que máis deu que falar nos últimos días na internet galega. Trátase dun fragmento dunha reportaxe-maratón que, estrañamente, leva emitindo xa varios meses a CNN+.

[flash http://www.youtube.com/watch?v=IcaJWXPxR7Y]

Adeus, Ana

Tardes con Ana

Non sei se por coincidencia, esta mañá a G2 repuxo o primeiro programa de Tardes con Ana. Hoxe morreu Ana Kiro, todo un referente na cultura do país. STTL.

Publicada o
Categorizado como Cultura IN

Busquémoslle emprego a Xubi

Acábase de presentar a nova mascota do Xacobeo, Xubi, un polémico deseño que practicamente ninguén quere como substituto do Pelegrín. Pero é tan riquiño que eu xa lle atopei tres novos empregos:
Como mascota de Fanta:

Como amigo de Pocoyó:

Como premio Xerais:

Series que non teño pensado ver

Vou facer un pouco de Hernán Casciari, pero ao revés. Aínda que el critica moitas series, para ben ou para mal, sempre nos serve de guía para saber o que paga a pena ver… e o que non. Pois eu só vou contar o que non me paga a pena ver a min, o que non quere dicir que haxa xente que goce orgasmicamente con calquera destes produtos. Tampouco pretendo convencer a ninguén, evidentemente.

The Big Bang Theory e How I Met Your Mother son dúas sitcoms cun grande número de seguidores que vin algunha vez e me resultaron pateticamente ridículas, caricaturescas e insulsas. Será porque as comedias de ficción nunca poden superar a realidade. E porque as vin dobradas -aínda que probei premer o botón de versión orixinal sen acadar unha impresión máis favorábel.

Dexter e, en xeral, todas as series que nos presentan a violencia e o sangue como algo divertido, simpático, chachipiruli e megafenomenal ou mesmo cool.

True Blood e todas as series de vampiros ou pseudovampiros desnaturalizados cool, unha praga que non se vai nin con allo nin cravando estacas e que comezaron Buffy ou Blade.

The Sopranos pode ser moi boa, pero todo o tema mafiosos, etc. etc. dáme ardor de estómago e resúltame profundamente aburrido. Futurista e científico-ficticio que é un.

Mad Men: o mundo da publicidade pode ser moi apaixoante, pero se o ambientamos nos anos 50, con sombreiros, tabaco e todas esas cousas que me dan alerxia visual…. pois non.

Todas as series de médicos, en xeral e sen excepción. Por favor, señores guionistas, sexan máis orixinais, e obséquiennos con dramas sobre xente que traballa día a día e ninguén se fixa nelas. Proben sorte co servizo de limpeza.

As series bélicas en xeral, aínda que non están de moda actualmente. Aviso de hante vraso por se un día volven. Se a guerra se toma máis a coña, como M.A.S.H., poden ser interesantes.

Sons of Anarchy: motos, non! e tamén podería ver pero dáme preguiza e teño moitas outras prioridades: Weeds, quizais a candidata con máis posibilidades, e Entourage -pero xa leva demasiadas temporadas para poñerme agora

Das series novas que non verei nin tolo podería destacar Glee: musical, coro, adolescentes, instituto, todo sumado pode ser o peor, aínda que podo soportar perfectamente os dous últimos ingredientes.

E si, seguramente teño visto series moito peores que calquera destas, pero cando comezo unha non a deixo e, ademais, non quero que me volva pasar. 😉