Así foi a Extrafesta


Cartel da festa de Extrarradio

Onte -ou, máis ben, antonte- celebrouse no Playa Club d’A Coruña a primeira festa do programa Extrarradio, da Radio Galega, que contou coas actuacións estelares dos grupos Loretta Martin e The Majestics. Previamente, os condutores do espazo, Belén Regueira e Eduardo Herrero, fixéronnos subir ao escenario a todos os membros do equipo e colaboradores, agás a produtora, Susana Casal, que preferiu permanecer no anonimato, e Xabier Cid, que non puido estar presente no acto.

As intrépidas becarias Merce Rey -que se despediu do programa, aínda que espero vela/lela/escoitala pronto- e Noa García foron as primeiras en aparecer, ademais do técnico -e tamén lorettomartin– Xavier Facal que, por certo, tiña que traballar a mañá seguinte.

Despois fomos subindo, non necesariamente nesta orde, Vincent Ghalo -con quen, teoricamente, debería coincidir os domingos, aínda que el marcha antes de que eu chegue-, María Yáñez -eu era o único dos colaboradores que non coñecía persoalmente-, Filipa Fava -dende alén do Miño; por desgraza non puiden falar con ela, pero mándolle un saúdo de todos os xeitos-, Martin Pawley -xa falaremos despois da cefalea que probablemente lle causei despois- e, á parte dun servidor, o padre Meixide, que se achegou ao micro para saudar a todos os concellos de Galicia, por orde alfabética. Pero Eduardo non lle deixou chegar á letra D, e interrumpiuno cun lapidario «Zas». Non sei se lle gustou moito que no meu fotolog saia unha imaxe da súa actuación en Pepe o inglés.

Aínda que non actuaron, como si o fixeron Loretta Martin e The Majestics, nesta orde e diante dun público entregado, tamén estiveron presentes Fanny+Alexander, Projecto Mourente -quen, lamentablemente, non interpretou o seu ghit ‘Como os caranguejos’-, e parte do grupo The Highlights. Non sei se había algún músico máis -supoño que si, e moito cantante tamén.

Tampouco perdeu a cita o director de Programas da Radio Galega, o diplomático Xurxo Souto, que foi á festa coa súa muller.

Como se ve, practicamente toda Coruña estivo alí, bu neno!.

Mesmo comprobei sorprendido que existen fans entregados do programa Extrarradio. Ao comezo sentinme un pouco intimidado polo feito de que un descoñecido se me achegara para saudarme e asegurarme que era moito máis novo do que pensaba e se interesara por como fago a sección, canto tempo me leva, etcétera. Un par de horas máis tarde tamén lle asinei un autógrafo, como todos os demais colaboradores do programa. Así que, a fin de contas, non era un interese persoal senón polo programa en xeral. Oxalá haxa moitos máis fans de Extrarradio, porque iso supón que a audiencia está asegurada.

Despois das actuacións en directo, fomos convidados -ou recluídos, segundo se mire- á Zona Nordic, onde Vincent Ghalo nos obsequiou cos seus machucos, que todo o mundo bailou animadamente.

Nesa mesma zona escandinava atopeime co cinéfilo por excelencia Martin Pawley, ao que moito me temo que lle acabei causando dor de cabeza cunha case interminable conversa sobre blogs -parabéns polo seu premio, naturalmente-, pseudónimos -neste mesmo post aparecen varios nomes que se corresponden cun só corpo e alma, e que viña a conta de que esa mañá Belén desvelou, inadvertidamente, o “outro” nome de Martin, moi de premios da Academia, aínda que el mesmo se encargou de recalcalo lembrándollo-. Tamén falamos de cine e do difícil que asistir a estreas vivindo a ducias de quilómetros da sala máis próxima -a solución chámase eMule-, contoume a súa próxima visita ao festival de Donostia, acabei falando do que falo con todo o mundo -de Lost– e confirmoume que este verán haberá xantanza, á que espero non faltar. E unha pregunta: onde está Paleón?

A todo isto, creo que cando saín do Playa xa non quedaba alí ningunha persoa relacionada directa ou indirectamente con Extrarradio. E o que veu despois non teño por que contalo, porque xa se sae da pretensión desta crónica.

Unha imaxe, moi pouco descritiva, da festa. Pero Regueifeiro ten un vídeo da actuación dos Loretta Martin.

,

4 responses to “Así foi a Extrafesta”

  1. Eduardo Herrero – Soy español del Noroeste, cosecha del 76. Aprendiz de padre a tiempo completo. Periodista de título y nómina, me hace mucho más feliz escribir, contar y cantar historias y batallas. Aunque con eso no pague las facturas. Intento vivir. Y dormir lo justo, pero siempre con la conciencia tranquila.
    Eduardo ER says:

    Eu non vin na festa a ningún membro de The Highlights… Xa podías presentarnos a próxima vez, ejem…

  2. Mira ti o que atopa unha polo internete! A crónica ben pero falta información… porque para contar hai… aínda que todo quedará no círculo Extrarradio. jeje Foi unha festa 10!

  3. Eduardo Herrero – Soy español del Noroeste, cosecha del 76. Aprendiz de padre a tiempo completo. Periodista de título y nómina, me hace mucho más feliz escribir, contar y cantar historias y batallas. Aunque con eso no pague las facturas. Intento vivir. Y dormir lo justo, pero siempre con la conciencia tranquila.
    Eduardo ER says:

    Noa, somos primos ou que? O meu apelido non é nada corrente…

Leave a Reply Cancel reply

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.