Polo menos o da península do Barbanza. Hoxe, A Voz publica unha interesante información sobre a reacción das tres televisións locais da bisbarra despois da concesión das licenzas dixitais. O panorama que se lles presenta por diante non é demasiado prometedor, nin sequera para a que si acadou permiso para emitir en dúas demarcacións.
Tentarei ser o máis obxectivo posible, e se alguén desexa facer algún comentario, ten este blog aberto. Non quero recibir SMS, grazas.
Un directivo da sociedade noiesa precisou que non se tivo en conta se as televisións facían programación propia ou non e a cantos profesionais tiñan contratados.
Polo que teño entendido, a tal sociedade noiesa non ten actualmente nin programación propia nin persoal -contratado nin sin contratar-, aínda que supoño que o seu peche técnico e a súa conexión as 24 horas con Local Media TV se debe ás difíciles perspectivas que se lle abriron cando quedou fóra do concurso por un erro de forma. Oxalá isto deixe de ser así pronto.
Outro dos afectados precisou que en Madrid produciuse unha situación similar e que unha sentenza do Tribunal Supremo obrigara a outorgar a autorización a duascentas cadeas, cando inicialmente só se deron permisos a oitenta.
Despois de googlear un bo anaco, non me consta que o Tribunal Supremo -en todo caso, sería o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que tampouco- ditase ningunha sentenza para autorizar duascentas cadeas. As licenzas son as que son e o espectro é o que é. Outra cousa é que as cadeas que non obtiveron permiso presentasen recursos -contenciosos-administrativos ou de alzada- contra a decisión do goberno de Esperanza Aguirre, pero aínda non se resolveron e, mentres, o feito, feito está.
…máis de tres mil profesionais poden quedarse sen emprego se pechan as empresas de comunicación local que operan na comunidade autónoma.
Preferiría non ter que comentar isto, pero tres mil paréceme unha cifra esaxerada, e tamén espero que os Profesionais se poidan recolocar nas empresas de nova creación.
A terceira en discordia -ou concordia, segundo se mire-, que si obtivo licenza, tampouco as ten todas consigo, pois non obtivo permiso para emitir noutra demarcación na que ten cobertura analóxica -pero si en dúas delas, o que non está nada mal-, e terá que cambiar varias das súas frecuencias en analóxico, que coinciden coas reservadas para TDT local. Aínda así, parabéns e moita sorte, pois a competencia con medios de ámbito autonómico e mesmo estatal vai ser moi dura.
Estaremos atentos ás nosas pantallas, aínda que as emisións poderían tardar en comezar ata un ano e medio.
Engádega: Todo se solucionaría revogándolle a licenza autonómica a Popular TV, concedéndolla aos xornais e Filmax e, asemade, dándolles as locais que lles outorgaran a eses mesmos xornais para compensalos pola non concesión autonómica ás televisións locais que xa estaban a emitir en analóxico. É tan doado…
Deixa unha respostaCancelar a resposta