O futuro do audiovisual local


Polo menos o da península do Barbanza. Hoxe, A Voz publica unha interesante información sobre a reacción das tres televisións locais da bisbarra despois da concesión das licenzas dixitais. O panorama que se lles presenta por diante non é demasiado prometedor, nin sequera para a que si acadou permiso para emitir en dúas demarcacións.

Tentarei ser o máis obxectivo posible, e se alguén desexa facer algún comentario, ten este blog aberto. Non quero recibir SMS, grazas.

Un directivo da sociedade noiesa precisou que non se tivo en conta se as televisións facían programación propia ou non e a cantos profesionais tiñan contratados.

Polo que teño entendido, a tal sociedade noiesa non ten actualmente nin programación propia nin persoal -contratado nin sin contratar-, aínda que supoño que o seu peche técnico e a súa conexión as 24 horas con Local Media TV se debe ás difíciles perspectivas que se lle abriron cando quedou fóra do concurso por un erro de forma. Oxalá isto deixe de ser así pronto.

Outro dos afectados precisou que en Madrid produciuse unha situación similar e que unha sentenza do Tribunal Supremo obrigara a outorgar a autorización a duascentas cadeas, cando inicialmente só se deron permisos a oitenta.

Despois de googlear un bo anaco, non me consta que o Tribunal Supremo -en todo caso, sería o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que tampouco- ditase ningunha sentenza para autorizar duascentas cadeas. As licenzas son as que son e o espectro é o que é. Outra cousa é que as cadeas que non obtiveron permiso presentasen recursos -contenciosos-administrativos ou de alzada- contra a decisión do goberno de Esperanza Aguirre, pero aínda non se resolveron e, mentres, o feito, feito está.

…máis de tres mil profesionais poden quedarse sen emprego se pechan as empresas de comunicación local que operan na comunidade autónoma.

Preferiría non ter que comentar isto, pero tres mil paréceme unha cifra esaxerada, e tamén espero que os Profesionais se poidan recolocar nas empresas de nova creación.

A terceira en discordia -ou concordia, segundo se mire-, que si obtivo licenza, tampouco as ten todas consigo, pois non obtivo permiso para emitir noutra demarcación na que ten cobertura analóxica -pero si en dúas delas, o que non está nada mal-, e terá que cambiar varias das súas frecuencias en analóxico, que coinciden coas reservadas para TDT local. Aínda así, parabéns e moita sorte, pois a competencia con medios de ámbito autonómico e mesmo estatal vai ser moi dura.

Estaremos atentos ás nosas pantallas, aínda que as emisións poderían tardar en comezar ata un ano e medio.

Engádega: Todo se solucionaría revogándolle a licenza autonómica a Popular TV, concedéndolla aos xornais e Filmax e, asemade, dándolles as locais que lles outorgaran a eses mesmos xornais para compensalos pola non concesión autonómica ás televisións locais que xa estaban a emitir en analóxico. É tan doado…


4 responses to “O futuro do audiovisual local”

  1. O da concesión dunha licenza a Popular TV en troques de Filmax paréceme unha vergoña. Tiven a oportunidade de ver a Popular TV esa en Madrid e sinceramente dubido non só da legalidade da concesión da licenza, senón tamén a legalidade da propia canle, que se establece na ultra dereita descalificando a colectivos de nacionalistas periféricos, homosexuais, e esquerdistas ou incluso centristas en xeral.

    Ademais filmax pode ofrecernos máis horas en galego, unido de cine de calidade (cine e galego, xuntos por fin), ademais que creo que lin por algures que darían máis traballo.

    Se a Xunta non revoga esa licenza hai que pensar en facer unha campaña como a de Isaac Díaz Pardo en apoio a Filmax.

  2. A verdade é que o panorama está moi negro, porque de entraren na vía dos recursos administrativos as concesións poden quedar paralizadas ata que chegue o apagón analóxico, e os principais prexudicados serán os traballadores do audiovisual, que non saberán a qué aterse, pois poden estar traballando en televisións que van verse forzadas a pechar no futuro, ou poden ter que agardar moito tempo ata atopar unha saída laboral na súa demarcación de TDT local.
    Unha mágoa que as cousas saísen tan mal cando tiñan moi doado facer un reparto equitativo (agás nun par de demarcacións moi concorridas). Coido que tódalas demarcacións tiñan posible compaxinar a permanencia das televisións históricas coa entrada de novos grupos, ou case, pero cando se deixa foira á meirande parte das televisións locais existentes (dende TeleCoruña ata Código TV, pasando polas de Ferrol e o Barbanza) hai que pensar en que alguén está a actuar a mala idea. Se miramos para Logo o caso aínda é peor, pois en vez de darlle licenza a TV7 Monforte (que leva moitos anos no negocio) beneficiaron con 2 licenzas a Localia (¡toma xa!) e outra máis a Local Media (botadoras de cartas todo o día, concursos amañados e cousas así). A ninguén lle debería sorprender que agora queiran botar o concurso abaixo nos tribunais, e posiblemente o consegan (aínda que se teñen que ir ata Bruxelas a cousa vai a ir para moooooi longo).

  3. O principal problema é que a televisión local se entende normalmente como un negocio e non como o servizo que debe ser (o que non implica que teña que resultar deficitaria, por suposto), e todos queren un cacho do pastel.

  4. Modesto, como ben dis, a televisión debería ser un servizo, pero cando os servizos dependen de concesións administrativas todos sabemos cómo acaban. Por desgracia hai que pór orde nas ondas, que de non ser así non teriamos problema ningún (o mercado elixiría as canles que deberían sobrevivir).
    De tódolos xeitos gustaríame volver a mirar o tema dentro de varios anos, para ver se alguén revisa as condicións das concesións, porque a mera porcentaxe mínima de emisión en galego non a vai a cumprir case ningunha televisión, e seguro que ninguén vai mover un dedo para evitalo (cando se lles podería retirar as concesións ós adxudicatarios que non cumprisen co prometido). A verdade é que se a Xfera non lle retiraron a licenza de operador de telefonía móbil 3G cando aínda non comezou a operar tras 5 anos de demoras, ¿qué podemos agardar das televisións locais?

Leave a Reply Cancel reply

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.