Todo o que vostede sempre quixo saber sobre a xantanza e non se atreveu a preguntar

A xantanza (xantar de confraternidade de blogueiros galegos) perpetrouse onte, a partir das dúas e media da tarde, no compostelán restaurante San Clodio, na rúa de San Pedro, esa que despois Yolanda Castaño rebautizou como rúa da Pel, e que agora se chama rúa da Pelexa:

Rúa da Pelexa

Na entrañable compaña de case trinta persoas (Acedre, Arduina, Ascárida, Besbellinha, Calidonia, Dorfun, Emereci, Fer, Goretoxo & family, Ghanito, Homedareia, Ifrit, Jan, Leco & company, Marcus, Mourullo, Muralla & company, Oko, Opaco, O’Xirarei, Pawley, Snob e Xornalistiña, por orde alfabética), degustamos as especialidades da casa, e todo o mundo puido saber que non me gusta esta, pero non pasei fame, non se preocupen.

Na sobremesa, procedeuse á entrega dos agasallos do amigo inblogsíbel, iniciativa na que non puiden participar por non me ter decatado a tempo. Todo o mundo pareceu moi ilusionado cos presentes recibidos, aínda que ao final a maxia do momento foi parcialmente rota ao se teren divulgado os emparellamentos regalador-regalado.

Á saída da xantanza produciuse o momento-performance da xornada e, quizais, do ano ou do século: a pintada feita pola famosa poeta galega foi transformada na moito máis suxestiva que se ve ao comezo deste post. Tamén foi o momento de sacarse retratos co exemplar do Gara xusto antes de pasar todo o que quedaba de luz solar no parque de Bonaval. Nese marco incomparábel uns foron marchando e outros sumáronse á festa: Berto, Orsinia, El niño de la guía e Aluguer. Tamén tivemos unha sesión musical irrepetible cabo da porta da música de Chillida a cargo de Fredy Fevereiro, que tamén estivo antes no San Clodio.

O certo é que moitos estabamos demasiado entretidos falando e confraternizando. A min deume por unirme ás novas xeracións -non estas– quizais por tentarme contaxiar da súa xuventude ou por lerchear sobre os meus ex e seus actuais profesores ou pola curiosidade que eles tiñan sobre a miña promoción.

Unha vez que a mocidade explotada abandonou o parque, foi o momento do debate: que é friki? Pero non deu tempo a moito máis, porque a noite caeu rapidamente e emprendemos viaxe á zona monumental para cear e terracear un pouco.

E non podo contar moito máis, porque a min os posts quilométricos non me gusta nin escribilos nin lelos, e supoño que tampouco á maioría dos lectores. Quen queira saber máis, que veña á próxima.

11 Respostas a “Todo o que vostede sempre quixo saber sobre a xantanza e non se atreveu a preguntar”

  1. Pois “pelexa” non aparece no dicionario de referencia… deberías dicir “loita”, “refrega”… si, meu neno, refrega, refrega ben aí, na hipérbole…. ou si…

    😛

Deixar unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.