O 23 de maio, véspera das eleccións municipais, vai ter lugar en Viena a final do Festival de Eurovisión 2015. Unha das principais novidades deste ano do Eurovision Song Contest é que vai participar, por primeira vez, un país un pouco afastado de Europa. E non falo de repúblicas centroasiáticas, senón de Australia.
Os motivos para convidar a Australia son varios: a súa confusión de nome con Austria, o feito de que é un país con tradición eurovisiva xa de vello –lembremos A voda de Muriel e a súa devoción por ABBA— ou a típica escusa de que é o 60 aniversario de Eurovisión e hai que facer algo novo.
Pois ben, os australianos, que aínda por riba de teren asegurada a praza na final, tamén van poder votar nas dúas semifinais, decidiron levar a Guy Sebastian, gañador de Australian Idol 2001, cunha canción que xa está na parte máis alta das casas de poxas e que de seguro vai acadar bo lugar na clasificación final, con Tonight Again. A min gústame.
[youtube https://www.youtube.com/watch?v=i7MwzRBEY_M]
Pero que non se asuste ninguén. Se Australia gaña, o festival de Eurovisión do ano 2016 non se vai mudar ás antípodas, senón que a canle organizadora, a SBS, escollerá en que lugar de Europa se celebrará. E tamén terá a honra de volver participar por segundo ano consecutivo.