Autor: Modesto

  • O meme das oito cousas (ce n’est pas le même)

    Respondo ao desafío de Ghanito facendo a miña propia listaxe de oito cousas. E vou facer algo semellante ao que fixera Ifrit hai un ano: 8 temas que triunfan en Chuza! (no de agora, que coincide máis ou menos co de antes). Comezo, entón:

    1. Activismo de todo a 0,60€. É un tema habitual en Chuza dende sempre, pero quizais agora chega máis á portada que antes. Estabelécese unha especie de competición entre usuarios para ver quen é máis anticapitalista, antiespañolista, proterrorista e outras cousas que rematan en ista. Naturalmente, dende as súas casiñas e sen a menor intención de acabar no caldeiro -aínda que teño entendido que despois fódese moitísimo.
    2. Reganosa. Merece unha categoría especial por méritos propios. Antes podería estar incluída en calquera outra. Unha nova submodalidade é a de “plantas regasificadoras do mundo mundial”, que poden ter que ver algo ou absolutamente nada coa de Mugardos.
    3. Lingüística. É evidente que as novas máis comentadas son aquelas nas que se fala (ou non) de temas lingüísticos, especialmente relacionados con normativas, coa normalización, ou mesmo que non teñan nada que ver coa lingua pero que a alguén se lle ocorra deixar un comentario sobre ese tema. Tamén se poden incluír nesta categoría novas que ben poderían formar parte do Zabaldu ou de La Tafanera pero que os galegos adoptamos porque nos sentimos identificados, aínda que as novas sobre o galego non cheguen á portada de ningunha desas dúas comunidades virtuais. Chuzadas sobre linguas oprimidas dos lugares máis recónditos do planeta tamén poden ter o seu éxito.
    4. Mira que web máis chula/vídeo máis chulo/etc descubrín. Ás veces son máis vellas ca o foder, pero se hai un número suficiente de xente que comezou a navegar antonte, hai moitas posibilidades de que cheguen á portada. En tempos, á xente que chuzaba estas cousas dicíaselle: “Fai un blog”.
    5. Masoquismo. Non só o relacionado co BDSM, senón todos eses temas que cabrean o persoal, como o PP, Libertad Digital, o machismo, o españolismo, ou unha mestura de todo, que non son incompatíbeis, chaman moito á chuzada. Algunha xente despistada pode chuzar “provocación” porque provocar, provocan.
    6. Ecoloxía. Copio o que dixo Ifrit hai un ano, que serve perfectamente: “Calquera nova que fale sobre os incendios en Galicia, a contaminación dos ríos, os verquidos nas rías e demáis. Os chuzeiros practican ecoloxismo dende a pantalla do seu ordenador e conciencia tranquila!” Segue a ser así. Reganosa xa se fixo maior e independizouse desta categoría.
    7. Chorradas. Se a sopa de letras de Pastas Gallo xa ten o W, se se venden “jaitas jallejas”… Aínda que non teñan nada que ver, nin fagan, país, poden chegar á portada se te atopas nun momento especialmente hilariante provocado por un estado de ánimo ou por substancias diversas.
    8. Geekismo. En perigo de extinción. Hoxe en día o acceso á rede universalizouse e os seus usuarios non teñen por que saber quen é Richard Stallman nin Leonard Nimoy, así que, a maioría manda: non mandedes cousas “raras” que “non se entendan”.
  • Prepárate ¡Cristo viene!

    Hai case dous anos e medio publicaba esta entrada para conmemorar as 5.000 visitas deste blog, que xa pasou hai tempo das 100.000 (o contador de abaixo só marca dende o 10 de decembro de 2006). Dende aquela, o robot de Google Imaxes visita con asiduidade esta páxina, até o punto de que esa imaxe do pastel co número 5.000 é a primeira que aparece se procuramos “pastel” no buscador. Porén, aparece dentro da páxina dunha igrexa un tanto chunga dalgún lugar alén do Atlántico. Esa mesma imaxe foi empregada en numerosos foros e nas inenarrábeis Yahoo Answers, sempre no continente americano tirando ao sur. Pero parece que ninguén se decatou do “5.000”, e non creo que ningún dos parabenizados teña 5.000 anos.

  • Rmvb to avi

    Facendo algo pola Humanidade: se usamos GNU/Linux e queremos converter un vídeo en formato .rmvb -moi de moda ultimamente pola súa alta compresión, aínda que non pola calidade de imaxe-, cos seus subtítulos, a un .avi con son MP3 e vídeo MPEG4, e que quede xeitoso, debemos usar este comando -e ter instalado previamente o programa mencoder-:

    mencoder nomedoarquivo.rmvb -oac mp3lame -ovc lavc -sub nomedosubtítulo.srt -subfont-text-scale 3 -o nomedoarquivo.avi

    E con vídeo XviD:

    mencoder nomedoarquivo.rmvb -oac mp3lame -ovc xvid -sub nomedosubtítulo.srt -subfont-text-scale 3 -o nomedoarquivo.avi

    Actualización (5/10/2007): Como me preguntaba Dorfun sobre como redimensionar, de paso, o vídeo, velaquí a resposta (despois de consultar man mencoder e buscar entre os millóns e millóns de opcións que ten esta utilidade):

    -vf scale=x:y

    O exemplo anterior, redimensionado a 640×480:

    mencoder nomedoarquivo.rmvb -oac mp3lame -ovc xvid -sub nomedosubtítulo.srt -subfont-text-scale 3 -vf scale=640:480 -o nomedoarquivo.avi

    Tamén é aconsellábel engadir o modificador -subcp latin1 para os arquivos de subtítulos que veñen codificados para Windows -é dicir, todos os que se poden atopar na rede-. Senón, leremos algúns carácteres estraños. E poñer o arquivo .ttf ou .pfb do tipo de letra que queiramos dentro do directorio ~/.mplayer (ou /etc/mplayer, para todos os usuarios) co nome subfont.ttf.

  • iPhone friendly blog

    Se non fose por Marcus, non o sabería… pero así parece que é.