Vaia semaniña (1)

Non porque fora mala, precisamente.

Todo comezou o mércores cunha minichuzarrachí en Compostela. Aproveitei que me atopaba na capital galega por motivos laborais para reunirme con dous chuceiros, primeiro, ifrit e, logo, tamén con Snob, para asistir ao concerto que daban na Sala Nasa, por este orde, Los Iribarnes, Samesugas e The Homens. Antes de todo iso, púidenme despedir de Cesare, que agora se atopa en terras do Norte.

Na noite compostelá tamén nos acompañou un amigo de ifrit, Adrián (non sei se con ou sen agá), de Ogrobe -e non o único desa vila que se atopaba en Santiago DC aquela noite. De feito, a cidade estaba invadida, por unha parte, por mecos, e, por outra, por xente de Ferror.

Y los Iribarnes cumplen su misión

Non só os Iribarnes, senón tamén os Samesugas e The Homens, que fixeron caso ás peticións do público e, ao final, o baixista accedeu a contar un chiste. Non o vou reproducir aquí porque tampouco era a cousa como para escachar da risa, pero o importante é que foi o bastante riquiño como para compracer a audiencia. Velaquí un fragmento de Non podo máis, no que se pode aprezar a emoción dos espectadores.

Ogrobe vs Ferror

Aínda que non houbo enfrontamento ningún, a xente que enchía Compostela dividíase a partes iguais entre as dúas entidades de poboación. Por parte arousá hai que salientar que coñecín a dous personaxes imprescindíbeis como Sabela Ogrobe e Zé Ogrobe, que non son irmáns. A primeira amosouse un tanto rabuda -a saber por que- e o segundo confesou a súa admiración polas Chuzanews. Por certo, que nos atopamos con eles en todos os sitios aos que iamos. Un saúdo para eles.

Noite de curtas

Onte asistín, xunto a Snob e ifrit, á proxección das mellores curtas de Curtocircuíto 06, que, ao final, a pesar do que poñía no programa, non foi no parque de Belvís, senón na praza de abastos. Alí, mollar, non nos mollamos, pero pasamos un frío…

Todas moi ben, especialmente a de Nemtele, a quen lle desexamos moita sorte, e a ver se acada o premio do público.

Despois, confirmamos que esta pìntada segue no seu sitio. Como ten que ser.

Publicada o
Categorizado como Cultura IN

Chuzaexcursión

Onte celebrouse a primeira chuzaexcursión á cidade d’A Coruña e que contou coa inestimable participación dunha ducia aproximada de chuceiros que o pasaron en grande durante a tarde e a noite -e algúns, tamén, da madrugada-. Isto foi o que aconteceu, contado en orde cronolóxica e evitando a inefable pirámide invertida:

Thereminator

Despois dun esgotador periplo polas máis pronunciadas costas arriba coruñesas, reuninme a carón da Casa das Ciencias con Ascárida, Snob, Nemtele, Ifrit, Ghanito, Mourullo, Marcus, Berto, María e Fer -quen, por certo, non se apuntara na wiki, polo que foi unha incorporación de última hora, aínda que necesaria para darlle a nota científica á tarde-.

Diante da disimulada expresión de abraio da monitora-guía-vixilante, os devanditos individuos dispuxémonos a executar -literalmente- dous theremins e diversos instrumentos de percusión no que pode supoñer a maior performance musical friki da recente historia galega. Os theremins emitían berros de dor, pouco afeitos ás nosas mans, e é que son necesarios moitos anos de práctica para conseguir interpretar, digamos, Parabéns para ti.

Á saída probamos a mover esa bóla de 1.500 quilos que demostra non sei exactamente o que, pero que nos explicou convenientemente Fer, o Jorge Mira do futuro. Que ten esa bóla que a todo o mundo lle mola? E, ademais, salpica.

Viñetas dende o Atlántico

O acontecemento cultural continuou polos locais coruñeses nos que se atopaban esparexidas as exposicións do IX salón internacional de banda deseñada (si, este ano non hai páxina web). A primeira parada ía ser o COAG, pero houbo que agardar ata que abrira vendo tranquilamente Poltergeist nunha cafetaría. «Xa chegaron!»

No COAG estaba a mostra sobre a arquitectura no cómic. Dende alí fomos ata a Casa da Cultura Salvador de Madariaga, máis coñecida por ser a sede do CGAI, outro lugar de encontro chuceiro, e de alí fixemos unha pequena paréntese cómica para ir a un dos cinco lugares.

Vertixe (de entre os mortos)

Vertixe pola que eu teño ao ir en ascensores transparentes que teñen unha porta cara ao lado contrario e o dos mortos, claro, pola noiva cadáver. A mostra sobre o making-of (que non sei por que todo o mundo escribe con dous efes) do filme de Tim Burton puidémola admirar na sede da Fundación Caixa Galicia. Como no resto das exposicións, fotos no. Alí foi onde nos reunimos con Dorfun, que non puido partipar na parte musical da xornada.

Dende alí fomos xa ata Palexco, para seguir coa ruta cómica, sen faltar, por suposto, os momentos frikis coas estatuas a tamaño sobrenatural de heroes da banda deseñada como Hellboy, Clara de Noche ou Martínez el Facha.

Momento antifriki

Logo, nos postos da feira do cómic en si, decateime de que son o menos bandadeseñadafriki de todos os que nos congregamos alí, e non me custou en absoluto resistir a tentación de mercar todo o que atopabamos por diante. A carne doutros foi máis feble, lamentablemente para eles mesmos.

Alí foi onde fixo aparición Nuria, a moza de Nemtele, e da que só podo ter boas palabras, tanto por proximidade xeográfica como por corporativismo. Despois fomos todos cear a El Puerto (de La Coruña), onde cadaquén fixo a súa propia elección, aínda que se volveu repetir a que xa se está a converter en tradición, a movida kebab.

Si buscas a Camela la encontrarás

E estaba no Castrillón, o centro neurálxico d’A Coruña, ou non. A praza de Pablo Iglesias estaba ateigada e só puidemos presenciar o espectáculo dende un lateral. Ademais, chegamos con el xa comezado e non todos sabiamos a letra de todas as cancións, pero iso era o de menos: Camela son irrepetibles e o marco incomparábel tamén. Ademais, eles foron os culpables de que a chuzaexcursión se celebrara nesa data para a Historia: o 17 de agosto.

All night long

Ao final, o all night long só foi para os cinco valentes -«golfos», segundo Ghanito-, pois o resto da xente se tivo que retirar por algún ou outro motivo, sempre xustificado. Só houbo tres paradas, no entanto. Á primeira acompañáronnos Nemtele e Nuria, pero despois tivemos que seguir sós Ascárida, Snob, Ifrit, Mourullo e mais quen lles escribe isto.

A ruta atopábase dentro do itinerario previsto, pero algúns locais caeron da lista. Comezamos polo Bathory, onde pasamos un bo anaco; seguimos no Desquite -pouco tempo estivemos alí, porque o ambiente non era tan favorable como noutras veces e Snob non parecía moi partidario de quedar. A movida rematou no Patachim, que pechou connosco e cuxo DJ atendeu amabelmente as nosas peticións de música absolutamente friki. Todos coincidimos en que hai que convidalo ao Extrarradio xa.

Unha noite de moitísimos diálogos metachuceiros dos que non vou desvelar ningún detalle porque hai moito lurker solto por aí, e que se completou nunha praza próxima onde hai unha perruquería cuxo nombre non lembro, pero que queda preto da rúa Alcalde Folla Yordi.

E coido que con isto xa é suficiente, que non quero facer posts de máis de cen liñas. Despois diso voltamos á casa, xa de mañá, e aproveitamos o traxecto en tren para falar de diversos temas moi interesantes que non se poden expoñer aquí. Cal será a próxima chuzaexcursión? Iso depende de vostedes.

Publicada o
Categorizado como Cultura IN

Concerto

Pois si. Onte tocou concerto. Con SugarKane e Besbellinha (graciñas por soportarme) fun ata Vigo -cidade que é todo un misterio para min- a ver aos inconmensurábeis Catpeople. Despois tamén actuaron uns que seica lles chaman Pet Shop Boys e de cuxa actuación se pode ver aquí un pequeno anaco:

Alí atopámonos con Mourullo, quen xa sabiamos que ía asistir a tan magno acontecemento musical, e eu tamén tiven un reencontro cunha compañeira, pero non podía imaxinar que alí tamén estaban Cesare e compañía, como el mesmo explica no seu blog. Iso sóubeno o día seguinte, por iso non nos vimos fisicamente -era bastante difícil, por certo, entre tanta xente-, e tiven que soportar ao típico energúmeno saltarín que se me puxo diante.

Pero estivo ben.

Publicada o
Categorizado como Cultura IN

Todo o que vostede sempre quixo saber sobre a xantanza e non se atreveu a preguntar

A xantanza (xantar de confraternidade de blogueiros galegos) perpetrouse onte, a partir das dúas e media da tarde, no compostelán restaurante San Clodio, na rúa de San Pedro, esa que despois Yolanda Castaño rebautizou como rúa da Pel, e que agora se chama rúa da Pelexa:

Na entrañable compaña de case trinta persoas (Acedre, Arduina, Ascárida, Besbellinha, Calidonia, Dorfun, Emereci, Fer, Goretoxo & family, Ghanito, Homedareia, Ifrit, Jan, Leco & company, Marcus, Mourullo, Muralla & company, Oko, Opaco, O’Xirarei, Pawley, Snob e Xornalistiña, por orde alfabética), degustamos as especialidades da casa, e todo o mundo puido saber que non me gusta esta, pero non pasei fame, non se preocupen.

Na sobremesa, procedeuse á entrega dos agasallos do amigo inblogsíbel, iniciativa na que non puiden participar por non me ter decatado a tempo. Todo o mundo pareceu moi ilusionado cos presentes recibidos, aínda que ao final a maxia do momento foi parcialmente rota ao se teren divulgado os emparellamentos regalador-regalado.

Á saída da xantanza produciuse o momento-performance da xornada e, quizais, do ano ou do século: a pintada feita pola famosa poeta galega foi transformada na moito máis suxestiva que se ve ao comezo deste post. Tamén foi o momento de sacarse retratos co exemplar do Gara xusto antes de pasar todo o que quedaba de luz solar no parque de Bonaval. Nese marco incomparábel uns foron marchando e outros sumáronse á festa: Berto, Orsinia, El niño de la guía e Aluguer. Tamén tivemos unha sesión musical irrepetible cabo da porta da música de Chillida a cargo de Fredy Fevereiro, que tamén estivo antes no San Clodio.

O certo é que moitos estabamos demasiado entretidos falando e confraternizando. A min deume por unirme ás novas xeracións -non estas– quizais por tentarme contaxiar da súa xuventude ou por lerchear sobre os meus ex e seus actuais profesores ou pola curiosidade que eles tiñan sobre a miña promoción.

Unha vez que a mocidade explotada abandonou o parque, foi o momento do debate: que é friki? Pero non deu tempo a moito máis, porque a noite caeu rapidamente e emprendemos viaxe á zona monumental para cear e terracear un pouco.

E non podo contar moito máis, porque a min os posts quilométricos non me gusta nin escribilos nin lelos, e supoño que tampouco á maioría dos lectores. Quen queira saber máis, que veña á próxima.

Publicada o
Categorizado como Cultura IN