Creativos Cero

Non o podo crer! Acabo de recibir unha chamada que me confirma cal será a data que marcará un antes e un despois no mundo da música: o debut de Creativos Cero!!!!

Será o sábado, a iso das oito e media do serán nun concerto clandestino nun piso compostelán. Non digo exactamente onde, porque deixaría de ser clandestino e superpunk. Nosuloperdais! (E eu a ver se podo ir…)

Actualizo, copio e pego o comunicado:

CREATIVOS CERO non respetan nada. CREATIVOS CERO baten nas súas nais. CREATIVOS CERO mexan na ducha. CREATIVOS CERO reparten caramelos con droga na porta das galescolas. CREATIVOS CERO non lavan os dentes. CREATIVOS CERO teñen caducados os DNIs. CREATIVOS CERO conducen borrachos e sen carné en dirección contraria pola A-9. CREATIVOS CERO son o teu novo supergrupo favorito.

Integrados por membros das lendas do andregaun LES TELEPHONES ROUGES, PATTY DIPHUSAS e MEGALOVES, CREATIVOS CERO fan do plaxio un arte, dos Ramones unha relixión, da música un chiste, e da carencia absoluta de modestia un way of life. No futuro, serán definidos pola prensa musical internacional como “Cindy Lauper sendo violada por un exército de martelos hidráulicos” (Pitchfork), “Os primos nazis e paletos de El Sueño de Morfeo” (Kerrang!), “Artistas emerxentes” (Sono-Tone).

Mañá Hoxe, SÁBADO 15 de DECEMBRO, ás 20:30 horas, tes unha cita co futuro da música no recén fundado LEBENSRAUM PAVILLION de Santiago de Compostela (manteño en segredo o enderezo), e non hai excusa que valla. Entrada libre ata completar aforo. Trae aos teus amigos, trae as túas mellores galas punk, trae de beber, e abandona calquera esperanza. CREATIVOS CERO debutarán e xa nada volverá ser como antes. Se o perdes, xa nunca poderás considerarte cool, nin trendy, nin ostias. Se o perdes, os teus veciños, amigos e compañeiros de traballo comezarán a mirarte con desconfianza.

Integrantes:
Alex Koplobitch “La Zorra de las XCG” é a ex-lider e cantante das pioneiras do porno-pop-punk PATTY DIPHUSAS. Só le revistas de moda, só escoita cancións dos Queers e só ve películas de bukkake.
Matitas Auch “O Neno Mexilón” foi atopado hai dous anos, completamente espido e sen memoria na praia do Carreiro, concello d’Ogrobe, por un grupo de boy scouts. Adoptado por LES TELEPHONES ROUGES como mascota, quixo “tocar a jitarra pa faser de emsifaif e fleimin jruvis”.
“Blind” Snob Megalove fai pingar de pracer ás rapazas que se amorean na primeira fila dos seus concertos como berrador no combo de anarcountry e murder blues MEGALOVES. Cando non está tocando a batería cos Creativos Cero adícase a non traballar, non estudar e odiar apaixonadamente a música que ti escoitas.

http://www.fotolog.com/creativoscero

Día gris

Este é un deses días raros en Humidtown. 16 de agosto, San Roque (parabéns a Rocco Siffredi, que sabemos que é seguidor deste blogue). Non vai sol, así que todos os turistas con xenes hipertrofiados de réptil que non poden pasar as súas seis horas de rigor na praia, veñen a Humidtown a ver esa igrexa grande que sae nas moedas esas de poucos céntimos que dan de volta nos supermercados e que se acumulan e non sabes que facer con elas. E, como é festa local, veño de mercar unhas cantas bebidas non alcólicas do Opencor, un dos poucos estabelecementos abertos, e que ten os caixeiros máis rápidos a este lado do río dos Pecos (háblame de ti…), e que supoño que deben de almorzar, polo menos, un par de raktajinos ben cargados. Como festa que é, hoxe non me toca traballar. Convidáronme a ir á Coruña, ás Viñetas desde o Atlántico, pero creo que vou declinar (rosa, rosa, rosam, rosae, rosae, rosa…) o convite. Porque non son friqui da banda deseñada e non quero caer nesas perigosísimas redes, e porque este ano non toca Camela no Castrillón. E porque non vou ter tempo de abondo para percorrer todas as exposicións cómicas -dúas horas non chegan-. E hoxe é o día -a noite- dunha cea decisiva e polémica porque, saia o que saia de aí, vai haber protestas. Ao tempo. E, que vou facer, logo? Sobredose audiovisual, porque o tempo non está como para pasear…