Noite Mourente

Como Ghanito xa o fai marabillosamente aquí e aquí, e o Regueifeiro tamén, non teño moito máis que comentar do de onte á noite, só facer achegas audiovisuais. Velaquí o vídeo do debut de Projecto Mourente:

Vídeo

Tamén temos fotos. Esta é duns minutos antes, cando The Homens e Projecto Mourente tamén compartiron escenario, pero cos primeiros como protagonistas:

Na seguinte, Ghanito fala con Calidonia poucos minutos antes de que este último marchase, non sei se a consecuencia disto ou non -supoño que non.

E esta última, lixeiramente retocada, amosa un momento posterior da noite, diante do Tarasca, onde Ifrit foi falar cuns amigos, pero penso que non eran orgasmus.

Estrea exclusiva

Snob deume permiso para estrear en exclusiva universal o primeiro vídeo clip dos Megaloves, con imaxes do seu concerto na galería DF da rúa de San Pedro, DC, con moita xente famosa entre o público. Aquí tocan Henry Lee. A autoría do clip é de The Chemical Orange:

A presentación / A apresentaçom / A apresentação

Xa non só Pawley ten unha dedicatoria de Carlos G. Meixide sobre un exemplar do seu O home inédito. Eu tamén, porque fun onte á impresionante presentación do libro en Humidtown, no pub A Medusa, onde vivín unha sucesión de déjà-vus e de coincidencias sobre as que Íker Jiménez podería facer unha serie de 13 episodios, polo menos.

Vaiamos por partes: Snob e mais eu quedamos para ir á presentación, que en teoría comezaba a iso das sete. Fomos por alí cando xa eran as oito, pero como aínda non había demasiado ambiente, decidimos ir por aí tomar algo. Unha pinta nas Crechas, onde fomos gravados -moito me temo- por cámaras de Localia e compartimos barra con alguén da RG.

Ao saír, chegamos a dubidar de acudir a unha cea vegana na Casa Encantada que viña anunciada no taboleiro, pero ao final pasamos, porque xusto nese momento nos atopamos con Berto. Fomos con el até Bierzo Enxebre, onde tamén estaban, entre outras, Orsinia e BR, que viña de conducir un entretidísimo acto (nota para os lingüistas: aquí a construción vir de é correcta, porque é literal).

A cousa en si mesma

E fomos ao lugar dos feitos, que xa estaba petadísimo pouco despois das nove. Alí atopeime coa maior concentración de Yáñeces por metro cadrado e a maior concentración de ex-profesores, ex-compañeiros, ex-estudantes de Xornalismo, actuais estudantes de Xornalismo, ex-compañeiros de traballo, actores e algunha xente que non coñecía, que sería como o 10% do total ou así. Endogamia?

Como dicir os nomes de todos me sería imposíbel, porque sempre esquecería alguén, vou lembrar un por un e por orde alfabética todos os concellos de Galiza. Ai, non, que iso foi o que fixo Meixide! Pero tivo un pequeno esquecemento do que logo falarei. Diversos amigos do escritor foron subindo á cadeira e falando, cada un ao seu xeito, da novela, cuxo formato permite agachala na manga para roubala do Cortinglés, pero sempre dun xeito ameno e, sobre todo, escarallante. Puntos de vista isolos e reintegratas, naturalmente, porque o Omnipresente estaba -tiña que estar- alí tamén. E non, non vou falar de cortes de pelo nocturnos.

Cando chegou a quenda de preguntas non pactadas -porque pactadas tamén as houbo-, aproveitei para pedirlle a Carlos G. que me resolvese unha grave dúbida: por que esquecera nomear o concello de Porto do Son? A resposta foi rápida e concreta -e non estaba pactada, xúroo por Rick Astley-: “Porque non estou de acordo co seu plan urbanístico… E iso que son socialistas”.

Por suposto, como se pode comprobar na imaxe que abre esta entrada, adquirín o imprescindíbel libro, que xa tiña en PDF, e conseguín a cervexa de regalo que viña incluída. Despois dun anaco alí, e de falar con xente coa que había moito tempo que non falara, e de ver tamén alí algunha xente destas cousas da informática, marchamos cear churrasco de porco -estraño antollo que tiña Snob. Cando iamos polo Preguntoiro, non me pregunten -que xenial xogo de palabras- por que, lembreime de Marcus e… alí apareceu, de repente. Para a próxima, pensarei en Scarlett Johansson, prométoo. Contoume algúns segredos relacionados coa frecuencia de actualización do seu blog, que non vou revelar por segredo profesional.

Despois de percorrer boa parte de Compostela dialogando en inglés, chegamos á Parrillada 9 de julio, enfronte do TNT, para máis datos, onde ceamos abondosamente. Pero, como eu non son blogogastrónomo, non vou incidir nesta parte da historia, para que non me chucen irrelevante. Agora, a ver se mañá lles fago unha visita aos frikis imberbes.

Megaloving!

Como xa lle prometín a algunha xente, véxome obrigado a narrar a crónica do concerto dos Megaloves, onte, no Trapitos y Joyas de Santiago de Chile, non por onde anda Emereci, senón na rúa homónima de Humidtown. Coma sempre, este entrañábel grupo deleitounos coas súas composicións e fixeron de abreconcertos do xa máis consolidado The Two Halfs, que toca temas propios, cousa que os outros dous non fan -o que non é nin bo nin malo, senón todo o contrario-. En fin, que hai que ir ao gran:

No local xuntámonos algúns blogomilleiros endogámicos de toda a vida, como o que escribe estas liñas, ictios, fer, ascárida, oko, aluguer (que tivo que marchar antes do concerto), ifrit, moinante e creo que non esquezo ninguén máis. Ben, si, había máis xente que realmente non coñezo en profundidade, pero que tamén sei quen son. Si esquezo, por suposto, os que dixeron que ían ir e non foron. O concerto? Sublime, coma sempre. Como mostra, un par de agardadísimos e exclusivísimos vídeos:


Levamos caramelazos (eu dous de melón), e, despois do concerto, puidemos visionar proxectada na parede da sala ese marabilloso filme que é Barbarella, en versión subtitulada que ictios e mais eu non nos puidemos resistir a interpretar. En algo si que coincidimos todos: asca levaba unha saia moi bonita.

Солярис

Onte xoves fun ver esa obra mestra de Tarkovsky: Solaris (en ruso, Solyaris). O filme, a pesares da súa longa duración e de ter un descanso polo medio por se alguén quería facer pis, pareceume impresionente e mesmo me pasou voando. Os meus acompañantes, fer e ifrit, tamén gustaron do filme, aínda que non se amosaron tan entusiasmados coma min.

Non vou contar ningún spoiler, pero o certo é que ese ritmo pausado, ese lirismo e mesmo ese retrofuturo tan dos anos setenta (que en Rusia se estenderon, no estético, até os 90) parecéronme marabillosos. Non importa que non houbera orzamento para efectos especiais hollywoodenses, nin que houbera elipses para saltar as partes visualmente máis conflitivas, nin que nalgunhas secuencias tiveran que botar man da película en branco e negro. E tampouco importa que haxa incorreccións científicas (como fer comprendeu, efectivamente). Hai que facer máis filmes así. Canto ben fixo a Unión Soviética!

No post-cinema, que moita xente escoxadora quere saber o que pasou, non houbo moito que contar. Fer marchou reclamado por obrigas conxugais ou algo así (non me fagan moito caso) e ifrit, despois de cear o típico bocadillo de luras do Bar Coruña comigo, tiña tamén unha cita (supoño que de carácter erásmico). Para cando a próxima? Esta noite seica ía haber outra chuza-quedada-cinematográfica no CGAC. Xa nos contarán.

Ifrit conta marabillosamente de que vai o filme. E fer dános a explicación científico-divulgativa.