Realismo nórdico

Agora que remata esta serie, reproduzo aquí este artigo, publicado na sección Querido fantasma do número 48 da Revista Luzes,.

Fortitude é un pequeno asentamento internacional nunha illa nórdica dominio de Noruega, cunha poboación de apenas 700 habitantes, entre mariñeiros, cazadores, científicos, burócratas e aventureiros. A vila, ata o momento pacífica, vese sobresaltada por unha serie de horribles crimes. O escaso cadro de persoal da policía de Fortitude, formado por catro persoas, vese superado polos acontecementos. A gobernadora, Hildur Odegard, está preocupada por que as mortes empañen a inminente inauguración dun hotel baixo o xeo que virá dinamizar a economía da zona. Entre tanto, fenómenos estraños vanse sucedendo, mentres un número crecente de habitantes empeza a actuar de xeito misterioso e violento.

Como sempre nos gustaron os dramas nórdicos, o misterio e un pouquiño de gore, os produtores de Sky Atlantic decidiron fichar as mellores actrices e actores escandinavos, xunto a algún convidado británico e norteamericano para darlle caché á serie e ofrecéronnos o produto perfecto para os amantes dos crimes sobrenaturais nunhas paisaxes xeadas.

Igual é por iso pero, cando descubrín a serie Fortitude, pensei o que deberon de pensar os seus produtores. Crin que era como unha continuación, unha cuarta temporada de Forbrydelsen, o drama policíaco dinamarqués que en inglés se titulou The Killing e que foi en parte culpable de que se puxesen de moda no resto de Europa as series escandinavas. E de que a audiencia británica devorase programas subtitulados na BBC Four.

Si, xa sei que non é así, pero cando vexo a interpretación de Sofie Gråbøl en Fortitude como a gobernadora da vila, imaxino que en realidade é a nova identidade de Sarah Lund. Lund, a intrépida policía de Copenhague e protagonista de Forbrydelsen, viuse obrigada, ao rematar a terceira e derradeira temporada da serie, a exiliarse a Islandia baixo un novo nome. Que ben podería ser o de Hildur Odegard.

Si, a ficticia vila de Fortitude está encravada nas Svalbard. Pero o certo é que os exteriores da serie están rodados en Islandia, así que algo terá que ver. E que Odegard leve os mesmos xerseis tecidos con motivos nórdicos aos que era tan afeccionada Sarah Lund segue a transportarnos mentalmente ao frío universo do drama dinamarqués.

Tanto os creadores da serie como a propia actriz, Sofie Gråbøl, coincidiron en que era a persoa indicada para interpretar o papel da gobernadora. De feito, foi o primeiro traballo que Gråbøl aceptou nada máis recuperarse, felizmente, dun cancro de mama.

Hai moitas semellanzas entre a personalidade de Lund e a de Odegard. Unha muller forte, valente, un papel para o que Gråbøl confesou que interpretara pensando en como o faría un home. Polo tanto, tamén racha estereotipos de actitude de xénero.

A función de Odegard como gobernadora de Fortitude non é fácil. Ademais de ter que se enfrontar cunha cidadanía moi variada e de estraños costumes, mantén unha relación tensa co goberno noruegués, coa metrópole, cos burócratas. Na práctica, Fortitude vén tendo a mesma relación con Noruega como a que poden ter os seus territorios na Antártida: entre pouca e ningunha.

O papel negativo do goberno noruegués queda tamén máis patente na segunda temporada, cando un enviado de Oslo acaba tomando as rendas da vila por riba da opinión dos seus habitantes, e demostrando, ao final, que eses habitantes non lle importan nada. Os seus intereses son outros.

Ademais de Gråbøl, a produtora da serie tirou de talonario para fichar outros actores de renome que, agochados na coralidade da serie, son uns peóns máis no devir dos acontecementos. Stanley Tucci e Christopher Eccleston na primeira temporada e Dennis Quaid na segunda cumpren co cometido de atraer o interese da audiencia e de ofrecer soberbias interpretacións, nas que tampouco desmerecen outros actores, menos coñecidos, procedentes das illas británicas ou da mesma Islandia.

Tamén é preciso advertir que a serie, seguindo unha tendencia cada vez máis de moda entre os guionistas do século XXI, amosa un cadro de personaxes coral, onde ninguén é realmente protagonista nin ninguén é completamente imprescindible. Así que non convén encariñarse demasiado cos personaxes, ou acabaremos empatizando con simples pezas que van caendo nun taboleiro de xadrez imaxinario e máis grande que a propia realidade en que se inscribe a vila.

Igual que baixo o xeo ártico se agocha unha ameaza ancestral, baixo o xeo branco e inmaculado que recobre metaforicamente a poboación de Fortitude está tamén oculto o mal: violencia, frustracións, infelicidade. Unha sociedade aparentemente perfecta pero que sobrevive e tira para adiante grazas ao abuso do alcol, as drogas, incluídas alucinóxenas, ou a unha implicitamente tolerada promiscuidade sexual. Toda esta hipoderme emocional é tamén, en parte, causante dos males e dos crimes que acaban eclosionando.

Baixo esa camada de xeo ártico agóchase un perigo prehumano que, como adoita pasar, é revivido pola cobiza dos homes. Como queda feo destripar o argumento, digamos que esa maldición aparentemente sobrenatural que vai alterando a tamén aparente tranquilidade da vila, non é tan máxica. Ou, cando menos, ten unha explicación científica e lóxica. Aínda que non o pareza.

E é que Fortitude convive con total naturalidade con ese substrato máxico e sobrenatural, como se dunha versión nórdica do realismo máxico se tratase. Chegamos a convencernos de que todo o que pasa é froito dun mal sobrehumano, que realmente acaba por resultar ser un inimigo real; pequeno, pero poderoso.

O que tampouco se pode negar é que, aínda que Fortitude sexa unha poboación formada por habitantes de diferentes orixes e culturas, a relixión pagá, os espíritos e as lendas dos pobos do Ártico impregnan todo o que acontece no lugar. Isto é máis patente na segunda temporada, na que vemos que o contaxio dese mal ancestral, dese espírito maligno, xera demos, contra os que quere loitar un xamán que, por riba, nin sequera é nativo. É ruso.

E é que os rusos son, en parte, tamén antagonistas. Como Fortitude está encravada no arquipélago das Svalbard, tamén hai, como non, unha vila rival colonizada por mineiros da antiga Unión Soviética: Vukobejina. As relacións entre as dúas vilas son, máis que tensas, afastadas. O único contacto entre elas é de tipo administrativo ou diplomático. A falta de comunicación mutua é tal que despois descubrimos que os rusos sufriron os mesmos problemas que afectan a Fortitude, sen que os responsables da vila tivesen constancia.

A branca fotografía transmítenos o frío polar que se vive en Fortitude, polo que Sky Atlantic decidiu, acertadamente, emitir a serie durante o inverno e comezos da primavera. Así mesmo, a vila está rodeada por un enorme espazo aberto e xeado, ameazador, no que non convén adentrarse. Polo que é como se a poboación estivese confinada nun cárcere de xeo.

Outro dos antagonistas da vila é a ciencia e o mal chamado ‘progreso’. Se o sobrenatural e o pagán, de entrada, nos agochan un lado escuro, este parece ser simplemente unha reacción ás mudanzas que a modernidade quere levar a cabo na illa. Os científicos que queren aproveitar para a Humanidade as propiedades máxicas do ‘mal’ agochado debaixo do xeo acaban demostrando ser os máis inhumanos de todos. O mesmo acontece coas persoas enviadas desde o exterior para xestionar a crise, que realmente agochan escuros intereses e non lles importa acabar coas vidas da veciñanza da vila para cumprir con eles.

As imaxes de cru naturalismo da serie valéronlle á canle de televisión indonesia que a emitiu a suspensión administrativa das emisións durante catro días. Se a primeira temporada xa garda momentos arrepiantes que quedan para sempre gravados nas nosas retinas, a segunda pode pasar aos anais da historia do gore. Xa nunca poderei deixar de lembrar o momento —fóra de plano, maiormente, por sorte— en que se produce unha autocastración. Avisadas e avisados quedan.

Á atmosfera de misterio que xea o sangue contribúe tamén a cabeceira da serie, na que vemos como se van formando lentamente cristais de neve, acompañada da música de Wildbirds & Peacedrums. O tema, Peeling Off the Layers, fálanos de auga correndo e ríos escorréndose por entre os nosos dedos, que nos trasladan mentalmente a Fortitude.

Só nos queda saber se haberá unha terceira temporada. Seguindo o impasible ritmo de produción británico, de dous anos por temporada, haberá que agardar ata o inverno de 2019. Ou quedar coa eterna incógnita das series sen final.

Deixar un comentario

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.