Categoría: Certa ficción

  • Солярис

    Onte xoves fun ver esa obra mestra de Tarkovsky: Solaris (en ruso, Solyaris). O filme, a pesares da súa longa duración e de ter un descanso polo medio por se alguén quería facer pis, pareceume impresionente e mesmo me pasou voando. Os meus acompañantes, fer e ifrit, tamén gustaron do filme, aínda que non se amosaron tan entusiasmados coma min.

    Non vou contar ningún spoiler, pero o certo é que ese ritmo pausado, ese lirismo e mesmo ese retrofuturo tan dos anos setenta (que en Rusia se estenderon, no estético, até os 90) parecéronme marabillosos. Non importa que non houbera orzamento para efectos especiais hollywoodenses, nin que houbera elipses para saltar as partes visualmente máis conflitivas, nin que nalgunhas secuencias tiveran que botar man da película en branco e negro. E tampouco importa que haxa incorreccións científicas (como fer comprendeu, efectivamente). Hai que facer máis filmes así. Canto ben fixo a Unión Soviética!

    No post-cinema, que moita xente escoxadora quere saber o que pasou, non houbo moito que contar. Fer marchou reclamado por obrigas conxugais ou algo así (non me fagan moito caso) e ifrit, despois de cear o típico bocadillo de luras do Bar Coruña comigo, tiña tamén unha cita (supoño que de carácter erásmico). Para cando a próxima? Esta noite seica ía haber outra chuza-quedada-cinematográfica no CGAC. Xa nos contarán.

    Ifrit conta marabillosamente de que vai o filme. E fer dános a explicación científico-divulgativa.

  • The Hunger

    Foi o título do filme que fun ver hoxe ao CGAC, unha interesante historia con sangue, lesbianismo e pombas. Ao final, onte fun ver Freaks cos sempre incombustíbeis Megaloves, que hoxe non acudiron á cita, cousa que si fixeron Fer e Ictios, que tamén veu co seu compañeiro de piso, e, ademais, estivo presente o omni-ídem.

    Aínda que esta reflexión non ten nada que ver tematicamente co anterior, ocorréuseme cando volvia para a casa: En Humidtown, cando cae ese orballo persistente e habitual na cidade, sénteste igual de parvo se levas o paraugas aberto coma se o levas pechado. Solución: non levar paraugas.

  • Invasión galega

    Pois si. Por fin, mañá estréase na galega a serie Invasión, que xa se comentou aquí o pasado mes de setembro, cando se estreou nos EUA. Unha serie de ciencia-ficción moi interesante, que se emitía os mércores á noite na ABC, xusto despois de Perdidos, e que por desgraza non pasou da primeira temporada por falta de audiencia. Eu seguíaa cada semana -cando se emitía, que os americanos son moi raros facendo descansos e colocando reposicións-, ás veces en versión orixinal sen subtítulos e ás veces lexendada en portugués do Brasil -moitos seguidores brasileiros tiña a serie-, ás veces en inglés e, menos, en castelán. Agora poderémola escoitar en galego, os xoves á noite, e parece ser que con dous episodios seguidos de cada vez, polo que durará once semanas (son 22 capítulos). Algo raro pasa cos habitantes de Homestead (Florida) despois do furacán…

    Por certo, que se podía ler o blog de Dave -un dos personaxes, o friki da familia-, que podería supoñer un enorme spoiler, pero agora non se permite a entrada sen contrasinal.

    O primeiro episodio remata así -e non estrago nada poñendo esta imaxe:

    Engádega: A sinopse que ofrece hoxe La Voz non ten desperdicio -espero que non a fixese ningún/ha redactor/a de prácticas-: non lle atopei nada de escatolóxico, non vin ningunha nave extraterrestre nos 22 episodios dos que consta, nin ningún dos seus tripulantes, nin hai ningunha abdución, nin a serie «acadou un forte éxito no seu país». En fin, como diría Cayetana Guillén Cuervo, «disfrútenla».

  • Mañá acaba

    Continuará

    Pero seguirá no outono.

    Como resposta á pregunta de EMF en mimosita inc., está ben claro que eu son de Lost. Pero iso non quere dicir que non poida ser tamén de House, cando vexa algún episodio -cousa que aínda non se deu, en serio-. A partir da vindeira semana estarei un pouco máis ‘libre’ no que a series televisivas se refire.

  • Hoxe volve


    Como hai un ano, o Sábado Santo ábrese a nova temporada de Doctor Who, na BBC ONE.

    Por certo, que o décimo doutor é David Tennant. No artigo da Wikipedia en inglés pon:

    In January 2006, readers of the British gay and lesbian newspaper The Pink Paper voted Tennant the “Sexiest Man in the Universe” over David Beckham and Brad Pitt.

    Por suposto, continúa no papel de Rose Billie Piper, que nos seus tempos adolescentes foi unha relativamente coñecida cantante pop.

    in 1998 became the youngest artist ever to debut at number one in the UK singles chart with “Because We Want To”, released under the single name “Billie”.

    Engádega: Este episodio está ambientado en Nova Nova York, no ano 5.000.000.023. Aí queda iso!