Respondo ao desafío de Ghanito facendo a miña propia listaxe de oito cousas. E vou facer algo semellante ao que fixera Ifrit hai un ano: 8 temas que triunfan en Chuza! (no de agora, que coincide máis ou menos co de antes). Comezo, entón:
- Activismo de todo a 0,60€. É un tema habitual en Chuza dende sempre, pero quizais agora chega máis á portada que antes. Estabelécese unha especie de competición entre usuarios para ver quen é máis anticapitalista, antiespañolista, proterrorista e outras cousas que rematan en ista. Naturalmente, dende as súas casiñas e sen a menor intención de acabar no caldeiro -aínda que teño entendido que despois fódese moitísimo.
- Reganosa. Merece unha categoría especial por méritos propios. Antes podería estar incluída en calquera outra. Unha nova submodalidade é a de “plantas regasificadoras do mundo mundial”, que poden ter que ver algo ou absolutamente nada coa de Mugardos.
- Lingüística. É evidente que as novas máis comentadas son aquelas nas que se fala (ou non) de temas lingüísticos, especialmente relacionados con normativas, coa normalización, ou mesmo que non teñan nada que ver coa lingua pero que a alguén se lle ocorra deixar un comentario sobre ese tema. Tamén se poden incluír nesta categoría novas que ben poderían formar parte do Zabaldu ou de La Tafanera pero que os galegos adoptamos porque nos sentimos identificados, aínda que as novas sobre o galego non cheguen á portada de ningunha desas dúas comunidades virtuais. Chuzadas sobre linguas oprimidas dos lugares máis recónditos do planeta tamén poden ter o seu éxito.
- Mira que web máis chula/vídeo máis chulo/etc descubrín. Ás veces son máis vellas ca o foder, pero se hai un número suficiente de xente que comezou a navegar antonte, hai moitas posibilidades de que cheguen á portada. En tempos, á xente que chuzaba estas cousas dicíaselle: “Fai un blog”.
- Masoquismo. Non só o relacionado co BDSM, senón todos eses temas que cabrean o persoal, como o PP, Libertad Digital, o machismo, o españolismo, ou unha mestura de todo, que non son incompatíbeis, chaman moito á chuzada. Algunha xente despistada pode chuzar “provocación” porque provocar, provocan.
- Ecoloxía. Copio o que dixo Ifrit hai un ano, que serve perfectamente: “Calquera nova que fale sobre os incendios en Galicia, a contaminación dos ríos, os verquidos nas rías e demáis. Os chuzeiros practican ecoloxismo dende a pantalla do seu ordenador e conciencia tranquila!” Segue a ser así. Reganosa xa se fixo maior e independizouse desta categoría.
- Chorradas. Se a sopa de letras de Pastas Gallo xa ten o W, se se venden “jaitas jallejas”… Aínda que non teñan nada que ver, nin fagan, país, poden chegar á portada se te atopas nun momento especialmente hilariante provocado por un estado de ánimo ou por substancias diversas.
- Geekismo. En perigo de extinción. Hoxe en día o acceso á rede universalizouse e os seus usuarios non teñen por que saber quen é Richard Stallman nin Leonard Nimoy, así que, a maioría manda: non mandedes cousas “raras” que “non se entendan”.