Comentarios ofensivos

Despois de ter deixado nos últimos días os seguintes comentarios en Chuza, parece ser que hai unha maioría de usuarios que consideran que resultan un insulto, constitúen spam de medicamentos ilegais ou casinos online, incitan ao odio cara ás minorías ou conteñen ameazas de morte, que son os motivos polos que, habitualmente, se votan negativo os comentarios na rede. Por iso, o meu karma baixou o suficiente como para que xa non poida comentar máis. E así seguirá, até que o poida facer con total impunidade, irresponsabilidade e violencia, como até agora.

Ás voltas co fuso horario

Felipe Barral, un brasileiro coñecido por ter descuberto a existencia da lingua galega no Grove ou en Ogrobe, como vostedes prefiran, estivo de visita recentemente por Compostela. Aloxado no Monte do Gozo, amosou a súa sorpresa polo feito de que ás nove aínda fose de día e polo estraño horario ao que estamos sometidos os galegos. De seguro que se tivese vido a finais de xuño ou comezos de xullo, con eses días que duran até as once, se tería sorprendido aínda máis. Na súa páxina de vídeos de YouTube hai outros testemuños do seu paso polo noso país.

Publicada o
Categorizado como Navegando, Vídeo

Prepárate ¡Cristo viene!

Hai case dous anos e medio publicaba esta entrada para conmemorar as 5.000 visitas deste blog, que xa pasou hai tempo das 100.000 (o contador de abaixo só marca dende o 10 de decembro de 2006). Dende aquela, o robot de Google Imaxes visita con asiduidade esta páxina, até o punto de que esa imaxe do pastel co número 5.000 é a primeira que aparece se procuramos “pastel” no buscador. Porén, aparece dentro da páxina dunha igrexa un tanto chunga dalgún lugar alén do Atlántico. Esa mesma imaxe foi empregada en numerosos foros e nas inenarrábeis Yahoo Answers, sempre no continente americano tirando ao sur. Pero parece que ninguén se decatou do “5.000”, e non creo que ningún dos parabenizados teña 5.000 anos.

Tres promesas sobre Chuza

A famosísima web galega de selección non xerárquica de novas, Chuza!, da que son seguidor habitual, está a evolucionar de tal xeito que fixo que me comprometese ao seguinte:

  1. Non chuzarei nada que xa lese hai varios días en Slashdot
  2. Non chuzarei nada que se acabe de publicar en Menéame, para que Chuza non se converta nunha versión traducida da web española
  3. Non vou dicir nin chío até que a cousa non se estabilice un pouco.

A imaxe da esquerda é a portada de Menéame de hai uns minutos. A metade da dereita, tres das novas en pendentes de Chuza á mesma hora. Polo menos as fontes son diferentes. 😈

Engadido: Véxome obrigado a puntualizar: cando digo «non chuzar» refírome a «non apoiar unha chuzada para que pase á portada» e non a «enviar unha nova a chuza».