Aínda que ‘non nos coñeciamos previamente’, varios blogueiros coincidimos na xornada sobre blogues e outras cousas destas modernas que organizou o centro sociocultural e xuvenil do Ensanche, na rúa de Humidtown á que lle dá nome o introdutor do eucalipto en Galiza.
A primeira conferencia, de María Yáñez, comezou un pouquiño tarde, porque, xa se sabe, un sábado ás dez e media da mañá. A autora do desaparecido blogue Todo Nada explicou dun xeito moi ameno todo o que vostede sempre quixo saber sobre as bitácoras galegas e non se atrevera a preguntar. Os que si se atreveron a preguntar foron os compoñentes do público, moi participativos, algo que moitas veces se bota a faltar neste tipo de actividades. Despois chegaron Manuel Pan e Raquel Gamallo, da Blogoteca, que contaron todas ou case que todas as intimidades dese servizo de hospedaxe de blogues en galego e anunciaron a última novidade: a fotoblogoteca -que agora pon bienvenido al servicio hosting de R.
Despois dunha pausa para o café, chegou a quenda de Berto Yáñez, Alberto para a súa nai cando está cabreada con el, que case non tivo tempo de contar como funciona chuza.org, e anunciou algúns cambios para o seu primeiro aniversario (o 22 de febreiro) e amosouse convencido de que, se non se transforma noutra cousa, chuza morrerá nun par de anos. Así de claro. A mañá rematou coa intervención de Carlos Neira, máis coñecido como Calidonia -aínda que, non sei por que, non lle gusta que lle chamen así-. Como é habitual nel, ofreceu un exhaustivo -demasiado, poderiamos dicir- repaso estatístico ao blogomillo galego e derivados. Aínda que xa recibira varias chamadas de atención para que fora rematando, ao final saímos de alí ás tres da tarde pasadas. Pero ninguén quedou a durmir, grazas, entre outras cousas, a grandes descubrimentos do xerme do blogomillo como esta instantánea tomada por Akin na praza de María Pita e na que se ven algunhas persoas coñecidas:
Despois fomos xantar -case todos os que interviñemos e algún máis, como Snob, que fixo un esforzo por nos vir visitar- ao rodicio brasileiro que ocupa o lugar no que nos meus tempos estaba o templo culé de Humidtown. A comida, moi boa, pero lamentei non poder ter degustado aquela deliciosa caipirinha, porque tiña que falar pola tarde. Outra vez será. As intervencións da tarde comezaron, iso, tarde, con tres cuartos de hora de atraso sobre a hora prevista. O primeiro relator, Dorfun, aproveitou para darlle a volta ao programa, e, en vez de falar de “blogs e fotologs como canle de expresión literaria, musical, artística e de análise social e política” fixo un percorrido polo seu historial blogueiro, que, ao final, veu sendo máis ou menos o mesmo. Estivo moi interesante, moitísimo máis ca a charla de despois, sobre podcasts e que deu quen está a escribir estas liñas. Máis que falar, fixen escoitar algunhas obras de arte sonoras, entre as que se atoparon o imprescindíbel Plan Galicia de Mariano Grueiro -que algún día se escoitará nas escolas como se len as obras de Rosalía de Castro-, as Areias Sonoras de Homedareia -presente no acto, por certo, e tamén moi participativo-, os Ouveos na Noite de Zimmer103 e E-music de Sak. Despois, Calidonia tentoume trollear pero non me deixei. Menos mal que non apareceron por alí algúns blogueiros da Coruña que sei eu. E tampouco Nemigo (ou si?).
O resto da tarde ocupárono as intervencións de persoas que contaron as súas experiencias persoais na rede -si, xa sei que Dorfun xa o fixera-: Martín Wu, de The Homens; o Regueifeiro, da Regueifa Plataforma; Nel Vidal, do Depósito, e, sen dúbida, o máis agardado, Suso de Toro, ao que algún mesmo lle quixo rescatar algunha botella perdida, e que se amosou filorreintegracionista -mágoa que non houbera ningún reintegrata na sala ou, polo menos, non fixera outing. A interesante xornada -os que non foron lamentarán toda a vida non ter ido- rematou a iso das nove, despois de que Martin Pawley confirmara que Rocky Balboa e todos eses subprodutos non son cinema e que hai que ver filmes africanos.
Aínda que eu tiña que marchar para a casa, ao final accedín a quedar un pouquiño -ao final, tres horas- e ir tomar algo por aí. Eramos cinco: Dorfun, Ictios, Pawley, Snob e mais eu. De camiño ao suposto lugar ao que iamos, atopámpnos con O’Xirarei, que nin se decatou da nosa presenza nin a meirande parte de nós da del -eu si-. O primeiro lugar ao que fomos non permitía fumar -ese non era problema, porque só un de nós, adiviñen quen, fumaba- e estaba cheo de nenos. O segundo, o mítico Bituin, que visitamos case a diario os compañeiros de choio, e que, de seguro lle encantaría a Pawley polo seu exotismo, estaba pechado. Acabamos no Moore’s/Murphy’s, bebendo Guinness e parolando, que é o mellor que se pode facer nestes casos. Ictios e mais eu acabamos coas nosas cazadoras lixeiramente queimadas pola calefacción por un halóxeno. No apartado podcasteiro, é imperdoábel non lembrar que Dorfun prometeu facer un anuncio de Mariña Foz, que guai!
E xa está. Foi un día marabilloso e superendogámico coma poucos, en versión compostelá.
eu non agardaba máis a Suso de Toro, porque non tiña nin idea de que ía estar 😀
(era unha lámpada halóxena!!)
e dis que foi hda/? :O
Moito deixou por contar… pero o de Mariña Foz im-per-do-na-ble!
http://www.adorfunteca.org/2007/01/14/divertirse/
Sodes uns endogámicos.
¡Que ben non estar alí!
¿Que blogueiros da Coruña non foron?
E digo eu, Modesto, porquê não pôs ligação ao blogue de O’Xirarei?? http://malodeaturar.blogaliza.org
Non entendín este último comentario… 🙁 ¿?
Non saben máis que criticar. E agora obríganme a corrixir todas as faltas. Nobody’s perfect.
O peor de todo foi que non nos avisou como é debido 😛
Ei, Modesto, não te me enfades, eh :)! Somente disse que como todas as pessoas das que falavas (Pawley, Calidonia, Nemigo,e etc.) ligavas para os seus blogues, que me chamou a atenção que não fizesses link para Lucensismo e Outros Males (entendes agora o comentário, O’Xirarei).
Vejo que agora onde falas de O’Xirarei já pões ligação para o seu blogue.
Não era criticar por criticar, a ver se me entendes. De facto, no meu blogue faço publicidade da tua crónica (http://oscaminhoscruzados.blogspot.com/2007/01/primeira-blogomilhada-do-ano-na-capital.html).
E para demonstrar que não colei a crónica por puro ‘peloteo’, dizer que o meu post foi o dia 15 às 9:41 AM e o comentário no teu blogue às 10:40 😉
Foi unha mágoa para min non poder asistir ao evento. En todo caso moitas grazas pola grónica.
Un saúdo
http://sekeirox.blogia.com/2007/011002-bitacoras-blogs-e-fotoblogs-as-novas-canles-de-expresion.php
Perdera as fotos desa xuntanza de blogues, chamouse Blogs á feira 😀 A do xersei vermello da esquerda son eu! Graciñas por poñela, vexo que hai mais en flickr.
Do de Santiago non oira nin papa, sempre me pasa…
Por se tinhas curiosidade, Modes.to, o trackback este deve-se a que quando migrei de blogger para wordpress, aquela primeira tanda de posts foram migrados sem titular. Vários centos. Nas últimas semanas deu-me por editá-los um a um para lhes restituir o cabeçalho, sem saber que ao fazer isso che mandava um feedback 😀