Aínda que de seguro Ghanito dará máis detalles sobre a cea, o máis salientable do moito que habería que salientar dela é que compartimos local con certa poeta galega moi coñecida, á que ninguén se atreveu, ao final, a pedirlle un autógrafo.
Por sorte, non choveu demasiado -ou, polo menos, non nos coincidiu pola rúa-, así que puidemos percorrer os antros habituais con calma, practicando o recomendábel deporte de percorrer a cidade de punta a punta a pé, para que luego digan que la juventud no es sana.
Pois si, o xoves, despois dunha frustración matinal coa sanidade pública, era o gran día. Pola tarde tocaba a charla sobre podcasts -que volverá haber o día 14, o meu aniversario, casualmente-. O vídeo está aquí, aínda que, non sei por que, véseme a min todo o tempo, e non a pantalla do ordenador cando debera. Malia que non estou moi satisfeito do resultado, porque estaba bastante nervioso, a xente di que estivo ben, e quen son eu para non crelos? Ademais, os meus compañeiros de mesa, Sak e Regueifeiro, eran de nivel e xa había algo de confianza con eles, así que contribuíron a que o resultado final fora mellor.
Entre o non demasiado abondoso público estaba Moinante, co que pasei un bo anaco metablogueando, como é costume nestes encontros endogámicos. Á noite había un interesantísimo concerto, do que xa lerán a crónica proximamente, pero ata esa hora non tiña nada que facer nin ninguén con quen quedar. Sorte que Ifrit estaba disposto a me acompañar. Mentres ceabamos o habitual e falabamos dalgunhaxente, apareceu unha simpática aínda que algo chivata blogueira, Caufield. Xa no Malas Pécoras, atopamos un concentradísimo Aluguer, que non apartaba a vista de El País, polo que tardou bastante en decatarse da nosa presenza, xusto cando chegou a estrela da noite, Snob. O local foise enchendo de diversos personaxes, entre os que tamén apareceron Moinante, Oko e Besbellinha, que estaba de aniversario, acompañada do seu señor Colombo -dígoo porque non o coñecía-. E como, por desgraza, algúns traballabamos o día seguinte, houbo que marchar nada máis rematar o concerto -ben, un pouco antes-. Fun con Oko ata o campus sur, onde atopara lugar para aparcar grazas á proverbial sorte de Moinante, e, polo camiño, aproveitamos para ter outra desas longas charlas endogámicas. Ela quedou no magosto antifeixista e eu voltei para a casa.
Querían que contara algo máis? Pois, por agora, non. :-p
Non sei por que, no anteriormente-coñecido-como-blogomillo-e-agora-chamado-blogomorgue está moi estendida a denominación de Humidtown. Ben, si que o sei: porque no canto de aire hai auga, porque a chuvia é alí arte… O certo é que, despois de case unha década, volvo a esa cidade, e sinto unha sensación estraña, como se de repente rexuvenecera e volvera aos meus tempos de estudante.
Snob e mais eu quedamos na estación do tren de DC para recoller a Mourullo, que viña dende A Coruña. O tren chegou á súa hora, eu tamén, pero Snob, non; así que tivemos que agardar uns minutiños por el (non moito). Pero as esperas non remataron aí. Tiñamos previsto xantar no restaurante xaponés, pero, curiosamente, pecha os domingos, así que tivemos que procurar outro lugar para comer.
Quizais moitos hostaleiros composteláns estaban avisados da nosa excursión, polo que todos os lugares nos que pretendiamos recuperar forzas aparecían, un detrás do outro, pechados. No noso percorrido atravesando Compostela pasamos por este cada vez máis famoso lugar:
Desta vez, a novidade é que unha tal Lore decidiu poñer o seu nome con letras fosforitas a carón do grafito de Yolanda Castaño. Afán de notoriedade? O que si teño claro é que non lle vou sacar unha foto a esa parede cada vez que pase por alí, que a partir de agora vou ter máis probabilidades de frecuentar o lugar.
Finalmente, e xa con moitísima fame, acabamos na rúa do Franco, onde, por fin, xantamos -moi ben, por certo- neste restaurante, onde nos atenderon marabillosamente e mesmo puidemos experimentar nos nosos estómagos o tag:cabra.
Ao rematar de xantar, uníusenos Postscriptum, que tamén devecía por ver esa grande obra mestra da comedia española: GAL. Acudimos á sesión das cinco e media dos multicines Valle-Inclán. Aínda que o escarallante filme se proxectaba na sala 1, a min déronme unha entrada para a 4. Por que? Nin idea.
Mundo… ficción?
A sala non se atopaba demasiado chea, polo que o resto do público puido percibir con claridade as gargalladas que soltamos nos momentos culminantes da proxección. Sen dúbida, a estrela foi Jordi Mollà, coa súa interpretación de Paco Ariza, un trasunto de José Amedo pasado de rosca e que en moitos momentos facía lembrar máis ben a Torrente. Aínda que non é cuestión de destripar aquí a película, o certo é que foi digno de lembrar o videoclip-orxía de sangue, pólvora e explosións perfectamente efectuadas polo equipo de Reyes Abades ao ritmo do Bang, bang de Iggy Pop. Tamén sae o doutor Vilches facendo do doutor Vilches rebautizado como Carlos Peinado. De todos os xeitos, o bo da película é Pablojota Codina, quen senón? Aínda que os nomes foron modificados ou directamente suprimidos -suponse que para evitar problemas legais- só se conservaron dous: Diario 16 e El Mundo. De todos os xeitos, xa o pon ben claro ao comezo: é ficción.
Metabloguear é LPP
Cando saímos xa escurecera e dedicamos o resto do tempo a percorrer cafetarías da zona vella e nova, coa condición -non posta por min, naturalmente- de que se puidese fumar. Como vén sendo tradicional neste tipo de quedadas, desveláronse algúns asuntos que non se poden facer públicos ata que non chegue o momento, falouse doutras persoas que non se podían defender e todo o habitual. Por desgraza, non puidemos estar, ao final, con Orsinia e Berto, que se apuntaran a participar na excursión, nin con Fer, que dixo que si pero logo non porque estaba moi ocupado. Xa haberá outras oportunidades. O único que se pode contar do que por alí se falou é que, despois das polémicas xurdidas sobre se o blogomillo desaparecía e, visto que esa denominación non era demasiado afortunada, optouse por propoñer o termo blogomorgue, moito máis gótico e actual.
Máis se perdeu en Cuba
A iso das dez e media chegou o momento das despedidas. Acompañamos a Mourullo á estación e logo marchamos cada un polo noso lado. Por consello de Snob e Postscriptum, volvin á casa escoitando na radio do coche a inimitábel tertulia de Radio Intereconomía. Sorte que ao chegar ao concello de Lousame é interferida pola Radio Galega. Para rematar, unha instantánea do adeus na estación, moi ao estilo Ghanito.
This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish.AcceptRead More
Privacy & Cookies Policy
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.